Os buses de Vigo empregarán tecnoloxía da Universidade para captar datos ambientais

xoves, 17 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Exercer máis e mellor control sobre a calidade ambiental da cidade. Este é o obxectivo do novo sistema desenvolvido polo grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo, departamento que está a encamiñar o seu traballo á mellora da calidade de vida dos galegos e galegas a través das ferramentas da información, tal e como se reflectiu hai uns días nesta mesma web. Segundo informa a Universidade, a nova ferramenta faría posible unha caracterización axustada das condicións naturais de Vigo e a tempo real. O sistema do grupo TIC, que é un sistema de captación de datos, vai ser en breve habilitado nunha das liñas de Vitrasa, que é a empresa encargada dos transportes urbanos.
Este traballo colaborativo, que como dixemos collerá corpo a través dun equipo para a recolleita de información situado nun dos buses da devandita empresa, foi presentado o mércores no transcurso dun acto oficial de achegamento ó que acudiron o profesor de Enxeñería Telemática, Francisco Javier González (director do proxecto), e o director xeral de Vitrasa, Juan Carlos Villarino.
A iniciativa, que segundo a Universidade é pioneira en Galicia, consiste nun sistema de captación de información ambiental que logo se amorea nun disco duro incluíndo datos como o intre e o espazo xusto onde se recolleu cada parámetro.
Os datos adquiridos por este sensor”, engade a Universidade, “descargaranse cunha rede Wi-Fi a unha base de datos e poderán consultarse a través da páxina web de Vitrasa, e despois, a través dunha serie de ferramentas, poderá usarse esta información para caracterizar a saúde ambiental de Vigo”.

PUBLICIDADE