Os beneficios trimestrais de Google caen un 70% interanual

venres, 23 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Todo apunta a que 2009 non vai ser un bo ano para o sector tecnolóxico e, especialmente para as empresas que fan negocio na Internet, pola grande dependencia que teñen moitas compañías do investimento publicitario, e a propia Google podería ser unha das principais prexudicadas da conxuntura económica actual pese a ser o axente mellor posicionado no mercado.


Presentación cos resultados trimestrais de Google

O beneficio neto de Google caería no último trimestre un 70% con respecto do mesmo período do ano pasado, quedando en 382,4 millóns de dólares, o que sería a súa primeira caída de beneficios nos seus 10 anos de vida, aínda que continúan a mellorar o seu volume de facturación ata os 5.700 millóns de dólares.
A chave do éxito de Google estaría na contención dos seus gastos, segundo sinalou o seu conselleiro delegado, Eric Schmidt. Lembremos que nos últimos meses a compañía está a pechar servizos e proxectos que non resultan rendibles, dando prioridade ao «negocio básico de Google» (as buscas) e á explotación publicitaria (actualmente xa controlan máis da metade da publicidade da Internet).
Pero ver que a empresa líder na Internet ten que apertar o cinto fai dubidar da viabilidade de moitos dos proxectos en desenvolvemento na actualidade, dando a impresión de que a burbulla da Web 2.0 vai desincharse, posto que o prezo da publicidade na web está a caer a un ritmo que fai que o incremento do tráfico das webs non chega a compensalo.
A filosofía de todo de balde podería comezar a flexibilizarse, e as empresas deberán buscar fórmulas innovadoras para superar esta crise.

PUBLICIDADE