Os autónomos españois apostan polas TIC para adaptarse ás novas esixencias do mercado

mércores, 7 de marzo do 2012 Raquel Noya

A Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos (ATA) vén de asinar un acordo de colaboración con Microsoft co que darlle pulo á adopción de solucións tecnolóxicas por parte dos autónomos españois, co obxectivo de mellorar así a súa produtividade e competitividade dos seus negocios.
Este acordo de colaboración tamén recolle o compromiso por parte de ámbalas dúas entidades de fomentar a capacidade emprendedora e de dar soporte ás persoas emprendedoras agrupadas na Asociación.
Entre as liñas de acción que a ATA e Microsoft porán en marcha de maneira conxunta destaca a sensibilización sobre as vantaxes e oportunidades que aportan as novas tecnoloxías; os programas de formación e certificación en tecnoloxía Microsoft; e a oferta de servizos de asesoría e soporte para a adaptación dos traballadores autónomos á nova contorna tecnolóxica.
O presidente da Asociación de Traballadores Autónomos, Lorenzo Amor, quen asegura levar anos traballando para incorporar as TIC nos negocios de milleiros de autónomos que cada día abren as súas portas, afirma que “este acordo tratará de levar as ferramentas axeitadas para que o autónomo poida competir nas novas tendencias do mercado”.

Programa de apoio a empresas de base tecnolóxica
Co obxectivo de axudar ao colectivo de autónomos a ser máis competitivos mediante o uso das novas tecnoloxías, e en concreto aquelas que Microsoft ofrece como servizo a través de modelos de cloud computing, a firma, en colaboración con HP, Intel, Nokia e Vodafone, entre outras grandes do sector, veñen de crear o Plan de Competitividade para PEMES e autónomos, no que ATA participará activamente facilitando o acceso dos seus asociados ás devanditas ferramentas así como aos recursos formación, boas prácticas e acompañamento que garanten a súa rápida adopción e obtención de valor.
Por outra banda, e grazas a este acordo, os membros da ATA poderán participar no programa mundial de apoio aos emprendedores, BizSpark, dirixido especificamente a novas empresas de base tecnolóxica.
Este proxecto ofrece un acceso doado e rápido tanto ao software de desenvolvemento de aplicacións e tecnoloxía de infraestrutura de Microsoft, como ás licenzas de posta en produción de dito software, algo de vital importancia para os negocios que están dando os seus primeiros pasos.
Este software poderá ser empregado de forma libre por aquelas empresas tecnolóxicas que, entre outras cousas, desexen levar ao mercado solucións e servizos tecnolóxicos de maneira rápida e efectiva.

PUBLICIDADE