Os automóbiles que se comunican directamente co condutor estarán no mercado nun prazo de dous anos

venres, 13 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Nin sequera o condutor máis intelixente dos que circulan polas estradas de Galiza está libre de facer de cando en vez algunha cafrada. Tendo en conta isto, calquera cousa que se faga a prol de incrementar as súas capacidades de resposta e, en definitiva, a súa intelixencia ou (ante a imposibilidade disto) a do coche, tería que ser benvida. E na liña de conseguir un automóbil que teña o sentido común e os reflexos que a nós nos faltan está a traballar o Centro Alemán de Investigación de Intelixencia Artificial.
O seu traballo consiste en entender o que desexa o condutor (en caso de que desexe algo) e en comunicarse con el, cos outros vehículos circundantes ou mesmo co escenario no que se move. Estes coches, segundo apunta o dito centro, sairán ó mercado nun prazo de dous anos e estarán capacitados para saber moitas cousas de nós (pautas de comportamento, idade, sexo, estado cognitivo, etc) e, en base a ese coñecemento, poder establecer unha comunicación e achegar todo tipo de datos útiles. Polo de agora, o proxecto está limitado ós BMW e Mercedes, pero en breve estenderase o traballo cara outras marcas (non se especifica se o don da fala será aplicable só ós automóbiles de gama alta).
Con estes vehículos o cerebro do coche deixará en certas ocasións de estar no asento do piloto para estar situado nun computador con voz propia (inclúe altofalantes) e con micrófonos para captar as distintas ordes do condutor. Sexa como sexa, e bromas aparte, os novos vehículos nos que está a traballar este centro de investigación xermano terían múltiples posibilidades á hora de informarnos de onde está o combustible máis barato, a saída da autoestrada que nos interesa, os radares da policía (os fixos, suponse, claro) ou a música que escoitabamos a semana pasada e que nos gustaría volver a escoitar.
O sistema inclúe GPS e conexión a Internet, polo que é quen de visitar páxinas web e achegarnos logo todo tipo de datos de interese, como por exemplo onde está a gasolina máis asequible. Unha das principais vantaxes deste coche, como se pode supoñer, é que non nos obrigará a empregar as mans para empregalo, nin desviar a atención da estrada. Ademais, poderá entender até os diálogos que xurdan libremente, sen necesidade de seguir un manual de frases previamente establecidas.

PUBLICIDADE