Os artigos instantáneos de Facebook dirán adeus o ano que vén

venres, 14 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Hai anos Google e Facebook promoveron o uso de formatos de páxina web específicos por parte de medios de comunicación para unha carga áxil en dispositivos móbiles sen saír das súas respectivas aplicacións, o que Google chamou AMP e Facebook definiu como artigos instantáneos, e aínda que este concepto parecía unha boa idea, levado á práctica rematou converténdose nunha dor de cabeza para medios e usuarios.
Pola parte dos usuarios moitas destas páxinas web supostamente optimizadas presentaban problemas na reprodución multimedia ou en elementos interactivos (de feito, hai navegadores que como unha das súas características era cargar a páxina web completa cando Google remitía aos usuarios á súa versión AMP), mentres que os medios vían como practicamente estaban a traballar para xigantes da Internet sen a debida contraprestación económica, de aí que foron abandonando paulatinamente estes formatos.
A situación foi mudando tanto que o ano pasado Google tivo que anunciar que deixaba de dar prioridade ás páxina web en formato AMP, e agora é Meta a compañía prevé pór fin aos artigos instantáneos a mediados de abril de 2023, dando aos editores de novas medio ano para reaxustar as súas estratexias en Facebook.
Con esta retirada os xigantes da Internet demostran que impor os seus intereses á hora de promover tecnoloxías non é unha boa estratexia a longo prazo, e pretender que os usuarios estean cativos das súas aplicacións tampouco é realista.

PUBLICIDADE