Os argalleiros galegos teñen unha cita obrigada o 1 de abril no Arduino Day de Makers Lugo

venres, 17 de marzo do 2017 Fernando Sarasketa

O vindeiro sábado 1 de abril, o edificio CEI-Nodus de Lugo (no número 500 da avenida da Coruña) vai acoller por cuarta vez consecutiva a celebración do evento Arduino Day, organizado por Makers Lugo e coa colaboración do CEI-Nodus e máis do Concello. Trátase, como lembraremos, dunha das xuntanzas máis representativas e referenciais da nosa terra do que se coñece como movemento Maker (o movemento do “faino ti mesmo”, un chamamento integral a prol de tirar abaixo canto atranco poida haber entre as persoas e a súas propias capacidades de crear, inventar e desenvolver tecnoloxía), desta volta aplicado á tecnoloxía Arduino, a democrática e flexíbel plataforma de prototipos de electrónica open source.
Estas serán pois as bases do evento: cultura e tecnoloxía cen por cen libres e a disposición de todo o mundo (todos podemos ser argalleiros TIC), un importante ingrediente Maker e as tecnoloxías de Arduino para facer posíbel todo o demais. Con esta xuntanza, Lugo únese ás celebracións globais do Arduino Day, que este ano anúncianse en máis de 300 eventos por todo o mundo.
Será pois, a da dita cidade galega, unha cita aberta e para todos os públicos que servirá para xuntar e amosar iniciativas e makers de Galicia por enteiro. A organización, Makers Lugo, fai o seguinte chamamento a participarmos: “Se queres introducirte no mundo de Arduino, visítanos e pregunta, e se xa tes algo feito e queres mostralo, lembra que habilitaremos un espazo para ensinar e compartir os teus proxectos e demostracións”. O obxectivo último de Makers Lugo é facer que a Cidade da Muralla se converta, por un día, no centro das tecnoloxías libres.
O evento desenvolverase de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.00 horas.
Makers Lugo
A asociación makers.lugo é unha entidade sen ánimo de lucro, creada en xaneiro de 2014, que forma parte do movemento Maker. Ten como obxectivo contribuír na construción dunha sociedade baseada nos principios do libre acceso á tecnoloxía, impulsando actividades relativas a hardware e software libre. Segundo explica a asociación, o movemento Maker é a cultura de fágao vostede mesmo, Do it Yourself en inglés. O termo Maker, engaden, é unha palabra acuñada por Dale Dougherty, fundador en 2005 da revista Make, que lle dá nome ó que se levaba facendo dende anos antes nos hackerspaces e fablabs: milleiros de artistas, enxeñeiros, programadores, autodidactas e seareiros do open source de todo o mundo compartindo ideas, experiencias e proxectos, creando unha nova cultura baseada na colaboración e libre acceso á tecnoloxía.
Arduino, as orixes
Arduino é unha plataforma de hardware libre, baseada nunha placa con microprocesador e nun entorno de desenvolvemento, e deseñada para facilitar a creación de proxectos interactivos que integren elementos electrónicos. A tecnoloxía foi creada hai máis dunha década no Instituto de Deseño Interactivo da cidade italiana de Ivrea. Buscábase unha ferramenta para que os estudantes puidesen ter acceso a plataformas de creación interactivas de baixo custo. Nos últimos anos, Arduino estendeu o seu obxectivo orixinal converténdose nun dinamizador da industria global de electrónica e do movemento Maker.

PUBLICIDADE