Os applets de Java e o Flash están a piques de desaparecer da web

xoves, 28 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Chrome xa eliminou o soporte de applets de Java o ano pasado

Durante moitos anos os engadidos dos navegadores web que facilitaban o uso de elementos en Flash e Java foron unha auténtica tortura para programadores, un atranco para levar a web ao móbil e un importante problema de seguridade informática, e por iso están a ser erradicados paulatinamente dos distintos navegadores, de xeito que, ao igual que Chrome eliminou o soporte de engadidos NPAPI e navegadores como o Microsoft Edge xa non chegaron a incluílo, dende Oracle xa están a dar conta no seu blog sobre Java que a web baseada en engadidos está abocada a desaparecer, lembrando que hai que buscar con urxencia alternativa aos applets de Java, para o que propoñen adoptar a tecnoloxía Java Web Start.
A propia Oracle erradicará os applets da versión final de JDK 9, de xeito que en setembro poderiamos considerar a esta vella e tortuosa tecnoloxía como extinta, confiándose que a siga en pouco tempo o Flash, tecnoloxía que practicamente estaba a manterse para a reprodución de vídeo e publicidade, e que segundo un informe de Encoding.com o seu uso caeu do 21% ao 6% en 2015, estimándose que en dous anos o uso do vídeo en Flash desaparecerá por completo.
A desaparición de Flash e Java a través de engadidos nos navegadores web será unha magnífica nova para a seguridade dos nosos equipos informáticos, á vez que favorecerá que as aplicacións web empreguen tecnoloxías multi-plataforma, cada vez máis demandadas polos usuarios.

PUBLICIDADE