Os amigos da Galipedia unen forzas nunha nova asociación, A3Gal

martes, 25 de setembro do 2018 Redacción

O pasado sábado tivo lugar en Santiago de Compostela a constitución da Asociación de Amigas e Amigos da Galipedia e Coñecemento Libre (A3Gal). Un grupo de galipedistas reuniuse no Centro Sociocultural das Fontiñas para rematar un acordo sobre o nome, os fins e outros puntos dos estatutos. A asociación pretende espallarse e estar activa tanto na Rede como de xeito presencial, continuando con actividades que o grupo inicial xa viña realizando como amigos con intereses comúns.
A asociación é autónoma en relación a calquera outra entidade, e pretende «dar un apoio á actividade voluntaria, que os colaboradores galegofalantes realizan día a día no espazo Wikipedia e nos proxectos irmáns», estendendo o seu apoio a todo o coñecemento libre en galego.
A3Gal operará cos seguintes obxectivos:
1. Contribuír a que o saber e a cultura sexan accesibles para todas as persoas, a través da difusión directa de enciclopedias, libros, imaxes e outras compilacións de documentos que se presenten nun formato libre.
2. Difundir as obras que fosen liberadas polas persoas autoras destas con licenza libre, é dicir, cun formato libre e gratuíto, de tal xeito que en relación co seu contido, calquera persoa poida acceder, con liberdade para:
- utilizar os contidos e desfrutar dos proveitos do seu uso;
- estudar os contidos e aplicar os coñecementos que se deriven;
- facer copias e volver redistribuílas; e ‘modificar os contidos e facer unha nova distribución das obras derivadas. Todo isto sen prexuízo de que as diversas persoas autoras sigan a ser propietarias das súas obras.
3. Converterse nun nodo máis deste intercambio de coñecementos universal, achegando contidos xerados pola nosa propia cultura, e en lingua galega.

PUBLICIDADE