Os alumnos do Máster en Consultoría de Software Libre defenderán os seus proxectos perante inversores privados

xoves, 24 de xuño do 2010 Raquel Noya

O Máster en Consultoría de Software Libre da Escola Superior de Enxeñería Informática, o primeiro máster oficial público en fontes abertas do noso país que en setembro iniciará a súa terceira edición, vaille dar a oportunidade aos seus alumnos e alumnas de presentar os seus traballos finais perante posibles inversores que os avaliará e barallará a posibilidade de poñelos en práctica.
Ao longo dos días 16 e 17 de xullo, os alumnos e alumnas participantes reuniranse cos inversores para convivir e intercambiar puntos de vista. Deberán presentarlles as súas ideas ata convencelos de que invistan diñeiro nelas, tanto durante o acto en sí da exposición como nunha cea posterior, na que se verán na obriga de expresar e comunicar axeitadamente a súa idea.
O enxeñeiro Javier Rodeiro, codirector do Máster, asegura que “as empresas de investimento privado están sempre á procura de boas ideas nas que involucrarse” e nesta edición do máster hai un total de 28 alumnos con grandes ideas para desenvolver.
Estes alumnos, distribuídos en grupos, desenvolveron 7 ideas empresariais que terán agora que defender, porén farano dunha maneira moi orixinal e demostrando estar preparados para desenvolver unha empresa dende que xurde a idea ata o final.

PUBLICIDADE