Os altofalantes de Sonos serán compatibles con Apple Music

martes, 1 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Para poder gozar de música en todo o fogar con calidade e comodidade existen solucións como os sistemas intelixentes de altofalantes de Sonos, compañía que conseguiu converterse en aspiracional dentro do audio doméstico, polo que está moi ligada con marcas como Apple e, de feito, os seus sistemas poden configurarse e controlarse comodamente dende aplicacións móbiles para iPhone, pero tal solución estaba coxa, e vai agora camiño de corrixir tal eiva, de xeito que o vindeiro día 15 lanzarán en probas a compatibilidade con Apple Music.
Apple Music para Sonos permite gozar das listaxes de reprodución e recomendacións persoais dun catálogo de máis de 30 millóns de cancións no fogar, permitindo un control habitación por habitación dende unha sinxela aplicación (que tamén permite axustar os altofalantes para a mellor calidade de reprodución sonora posible) e incluso permite programar o seu funcionamento, permitindo así que incluso a música poida empregarse a xeito de agradable espertador.
Esta nova prestación será bastante ben recibida polos usuarios de altofalantes Sonos, xa que actualmente “preto do 90% da xente escoita música en altofalantes Sonos dende servizos de streaming, segundo comentou o director xeral da compañía, e dada a recente chegada de Apple a tal sector, a súa integración en Sonos supón un valor engadido tanto para Sonos coma para Apple Music.

PUBLICIDADE