Os altofalantes conectados de Amazon chegarán a España en breve

mércores, 2 de maio do 2018 Marcus Fernández

Dende España levamos anos marxinados do mercados emerxente dos altofalantes conectados con funcións de asistente de voz iniciado en 2014 por Amazon e continuado por Google en 2016, pero esta situación vai mudar en breve segundo publica La Vanguarda, xornal no que aseguran que Amazon está a ultimar a chegada a España da súa gama de altofalantes Amazon Echo cunha versión de Alexa en español.
Polo momento non adiantan a data na que sairían á venda estes trebellos que son todo un éxito de vendas nos EE.UU., callando especialmente entre o público máis novo (que non ten reparos á hora de interactuar verbalmente cun asistente virtual), pero entenden que o vindeiro Prime Day (previsto para primeiros de xullo) podería ser a data ideal para o lanzamento dos Amazon Echo no noso territorio.
A familia Amazon Echo naceu na forma dun altofalante cilíndrico, pero actualmente ten unha versión de maior tamaño (o Echo Plus, que integra un concentrador domótico) e outra moi compacta (o Echo Dot, que céntrase no asistente de voz en vez de na calidade de reprodución musical), así como un par de versións con pantalla (Echo Spot e Echo Show), adaptándose así a distintos tipos de perfís de uso, aínda que o principal continúa a ser a comunicación con Alexa (para obter información meteorolóxica, resultados deportivos ou a nosa axenda) e a reprodución musical (compatible con servizos como Spotify, e con soporte multi-room).

PUBLICIDADE