Os adhesivos de preguntas en Instagram poderán responderse en directos de vídeo

mércores, 19 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Continúa a teima de Instagram por incorporar novidades para non perder pulo, e agora estrea novos xeitos de interacción cos amigos e seareiros dun xeito máis profundo, como o feito de conectar a través da música nas historias, de xeito que agora poderá responderse a un adhesivo de preguntas cunha canción da libraría musical, facilitando que despois poidan compartirse os temas musicais recomendados. Esta funcionalidade estará presente en todos os territorios onde funciona o adhesivo de Música.
Máis potencial semella ter a posibilidade de tirar proveito do adhesivo de preguntas nas transmisións en directo, xa que agora durante as retransmisións poderanse amosar en pantalla as preguntas recibidas, como un interesante xeito de respondelas en vivo.
E a última novidade, xa presente para moitos usuarios dende hai varios días, é o adhesivo de conta atrás, que serve así para estar pendente dunha data, permitindo que os usuarios reciban unha notificación cando chegue o momento agardado.

PUBLICIDADE