Os académicos María Loureiro e Senén Barro, no Consello Científico do Real Instituto Elcano

luns, 9 de xaneiro do 2023 S. P.

Os académicos da RAGC (Real Academia Galega de Ciencias) María Loureiro, catedrática de Economía, e Senén Barro, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e director científico do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) da Universidade de Santiago, formarán parte do Consello Científico do Real Instituto Elcano. O obxectivo deste Consello é “fortalecer e multiplicar a capacidade de análise e o impacto” do Instituto Elcano sobre a comunidade académica, as redes de think tank e a sociedade no seu conxunto.
Segundo lembra a RAGC, o Real Instituto Elcano é “a principal institución dedicada á reflexión e o pensamento de diferentes disciplinas en España e unha das máis relevantes de Europa”. Ademais, engade a entidade científica galega, o seu Consello Científico coordina as distintas áreas “para producir información útil e de carácter social”, que “permita o asesoramento especializado e imparcial en temas de actualidade relevantes para o noso país”.
A catedrática María Loureiro asesorará en materias relacionadas con estudos sobre o impacto económico do cambio climático e outros aspectos vencellados á explotación dos recursos naturais. Pola súa banda, Senén Barro estará particularmente implicado na área de tecnoloxía e transformacións económicas.

PUBLICIDADE