Os Xulgados de Betanzos contan cunha nova sala dixital
mércores, 4 de agosto do 2021
Os
Xulgados
de Betanzos dispoñen dende esta tempada dunha nova sala cen por cen
dixital que inclúe un sistema de vídeo-conferencia integrado
con capacidade para proxectarse sobre unha pantalla e realizar
gravacións xunto cos rexistros de son e vídeo. A transformación
dos xulgados foi posíbel grazas a un investimento da Xunta de 30.000
euros.
Nunha
visita ao inmóbel celebrada este 4 de agosto, o director xeral de
Xustiza, Juan José Martín, explicou que “ao contar a nova sala
cun sistema de vídeo-conferencia xa integrado, os Xulgados de
Betanzos pasarán a ter 3 equipos de comunicacións avanzadas a
distancia, o que permitirá liberar algún dos 2 aparellos móbiles
actuais e levar a cabo un uso máis eficiente”.
A
nova sala dixital, engadiu, dispón de cámaras de alta definición
robotizadas e con zoom para axustar os planos, un posto de
control para o seguimento das sesións e da gravación das vistas,
unha pantalla para visualizar os contidos e outras melloras como o
sistema de vídeo-conferencia. Complétase coa gravación de vistas
con sinatura dixital eFidelius, que faculta a incorporación das
gravacións dos xuízos ao expediente xudicial electrónico, xunto
coa aplicación Séneca JC, para que o persoal xudicial poida
controlar os equipos e seleccionar os distintos escenarios
predefinidos durante as declaracións, mostra de probas ou
vídeo-conferencias que se celebren na sala.
O
director xeral engadiu que “Galicia xa ten en marcha todas as pezas
do expediente xudicial electrónico grazas as medidas implantadas
desde 2009 no proceso de dixitalización da xustiza a través do
primeiro e o segundo Plan Senda da Xunta, impulsado pola axencia
AMTEGA e Vicepresidencia, para dotar de novas tecnoloxías no ámbito
xudicial na comunidade”. Tamén dixo que ao remate do ano o 85% das
salas contarán con tecnoloxía dixital como é o caso desta en
Betanzos e todas xa dispoñen con sinatura dixital para a gravacións
de vistas.