Os Snapdragon 8 Gen 3 potenciarán a IA en dispositivos móbiles

martes, 24 de outubro do 2023 Marcus Fernández

O cumio organizado por Qualcomm para presentar os seus novos procesadores serve para facer notar que a IA vai xogar un rol importante nos móbiles do futuro, xa que o Snapdragon 8 Gen 3 vai achegar a dispositivos móbiles non só unha grande potencia (como vén a ser habitual nesta gama de procesadores) senón tamén a posibilidade de tirar proveito da intelixencia artificial xenerativa a unha velocidade abraiante.
Dende Qualcomm aseguran que o novo procesador será capaz de crear unha imaxe mediante Stable Diffusion en menos dun segundo, converténdose no procesador máis rápido do mundo para tal propósito. Tamén soportaría modelos de IA multi-modais, sería capaz de correr grandes modelos de linguaxe de xeito local e soportaría modelos de IA orientados ao recoñecemento de imaxe e de voz.
De xeito xeral, estamos ante un procesador que conseguiría un 30% máis velocidade que a anterior xeración e melloraría a súa eficiencia nun 20% no que se refire ao procesador principal, mentres que no procesador gráfico a mellora de velocidade sería dun 25% e tamén melloraría a súa eficiencia un 25%, ou sexa, que serían unha mellora moi na liña do que achegan os fabricantes de procesadores ano tras anos, de aí que non debería sorprendernos que centren a presentación do Snapdragon 8 Gen 3 nas súas capacidades relativas á IA, xa que a súa unidade de procesamento neural mellorou un 98% en velocidade e un 40% en eficiencia, o que si é todo un salto de xigante.
Hai moitos fabricantes que xa anunciaron que van equipar os seus móbiles con estes procesadores, aínda que a marca que nesta ocasión poderá presumir de chegar primeiro non é outra que Xiaomi, que presentará o Xiaomi 14 este mesmo xoves, polo que en breve poderemos saber máis das posibilidades reais desta nova xeración de procesadores de Qualcomm.

PUBLICIDADE