Os Servizos Audiovisuais da Deputación de Lugo achegan a versión virtual do Belén de Begonte
xoves, 24 de decembro do 2020
A
web do Belén electrónico de
Begonte, un dos máis sobranceiros e visitados da nosa terra, en
boa medida polo seu carácter histórico e polo importante número de
figuras articuladas, xa
ofrece versión virtual na Rede, habilitada polos Servizos
Audiovisuais da Deputación Provincial de Lugo para a Asociación
José Domínguez Guizán, impulsora do devandito nacemento chairego.
A
entidade explica que “polas actuais condicións sanitarias, este
ano non é posíbel visitar fisicamente o Belén de Begonte, como
viñan facendo nas últimas edicións arredor de corenta mil persoas
cada ano, das que moitas acudían en viaxes organizadas pola
asociación de veciños, por entidades culturais ou da terceira idade
ou por centros educativos”.
Optouse,
xa que logo, por unha versión virtual que permitise “ver o Belén
en condicións semellantes ás das habituais visitas”, para o que
os técnicos de Audiovisuais da Deputación prepararon un vídeo con
información en galego, castelán e inglés para “mellor difundir a
historia e realidade do Belén electrónico da Begonte”, informou a
asociación, engadindo que neste intre a web do nacemento, ademais da
súa historia (a actual é a edición XLIX) e da dos seus certames
culturais, permite acceder á información relativa á actual campaña
O Nadal en Begonte, así como ao primeiro pregón virtual,
pronunciado por Valentín García Gómez, secretario xeral de
Política Lingüística, e a versión virtual do Belén que onte se
puxo a disposición dos internautas.
Amais,
a entidade veciñal engade que están abertas as exposicións Imaxes
do Nadal, na sala da Delegación Territorial da Xunta en Lugo e
No Belén do Begonte, na Biblioteca Provincial de Lugo. Tamén
están convocados os catro certames do nacemento chairego, con prazo
de presentación de traballos ata o próximo 15 de xaneiro.
O Belén de Begonte visto en vídeo