Os Premios Vlogger distinguirán os meirandes talentos videoblogueiros do ámbito hispanoamericano

martes, 17 de novembro do 2015 Redacción

Para quen ande argallando xeitos de amosar o seu talento audiovisual na Rede e para a Rede lembrarlle que os vindeiros meses ten unha cita moi acaida para lucir músculo creativo: os Premios Vlogger. Trátase dun certame de alcance transatlántico que se dirixe, en palabras dos seus organizadores, “a recoñecer aos mellor videoblogueiros da Rede”. Os premios, que se resolven e se dan a coñecer o 29 de xaneiro en CaixaForum Madrid, achegan aos participantes as seguintes categorías: beleza, moda, fitness, cociña, negocios, manualidades, videoxogos, lecer, viaxes e internacional. Segundo informa a organización, era lóxico e natural que xurdise un certame específico que distinguise a creatividade e o talento que acubilla Internet no plano audiovisual.
“Estes vídeos de xente anónima que expresa a súa opinión, suxestións e recomendacións sobre distintos temas a través de plataformas como YouTube”, explican os impulsores do concurso, “están en crecemento e moitos dos seus creadores remataron por converterse en líderes de masas”.
Para ir dando visibilidade os organizadores dos Premios Vlogger desenvolveron xa unha plataforma web aberta, “para facer cómplice a todo o mundo”. Os participantes poderán subir a súa candidatura e promocionala. “Cremos que estes premios non serían o mesmo sen a participación do público, e é por iso que creamos un sistema de votacións aberto a través do cal se van a escoller o mellores cinco videoblogueiros de cada categoría”, sinala Gerard Graza, director executivo dos Premios Vlogger.
Por certo que todos os usuarios que suban un vídeo de presentación aparecerán de maneira destacada na páxina de inicio portal, “viralizándose a súa candidatura”. A contía dos premios darase a coñecer durante o mes de decembro. Ademais, haberá dous galardóns especiais que premiarán a orixinalidade e a revelación. Desde o 15 de novembro están abertas as candidaturas ao público para que se poida votar e ficarán así até o 10 de xaneiro, cando se elixirá ao cinco finalistas de cada categoría.

PUBLICIDADE