Os Premios Spin-Off PuntoGal desta edición van para Hifas da Terra, SAEGA e o Grupo Lia (CITIC)

venres, 20 de outubro do 2023 S. P.

A VII edición dos Premios Spin-Off PuntoGal xa ten gañadores: a compañía pontevedresa Hifas da Terra (Selo de Calidade), a start-up SAEGA (Idea Emerxente) e o Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións da Intelixencia Artificial LIA (2) (Grupo de Investigación do CITIC) resultaron elixidos gañadores, nas súas respectivas categorías. Os galardoados foron elixidos esta semana en Santiago por parte do xurado, integrado polas investigadoras: Edita de Lorenzo, Andrea Muras, Sonia Martínez Arca e María José Rodríguez Malmierca (CEO da empresa Galchimia), Carme Pampín e a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Xunta, Irene Bonome.
Cómpre sinalar que o acto de entrega dos premios terá lugar o vindeiro 10 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago e contará coa presenza de autoridades institucionais e do mundo universitario.
Os ditos premios teñen como obxectivo recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios.
Na categoría de Idea Emerxente, que premia a empresas de recente creación ou que levaran ao mercado unha idea innovadora en tempos recentes, foi elixida a empresa Soluciones Aeronáuticas de Galicia (SAEGA) de Serra de Outes. A compañía está a desenvolver un proxecto empresarial para poñer no mercado o vindeiro ano un tipo de dron, o Anduriña 25, con características moi especiais. O xurado salientou o excelente deseño do plan de negocio de SAEGA e as boas posibilidades de futuro da idea emprendedora.
No que se refire ao apartado de Grupos de Investigación, o xurado elixiu ao Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións da Intelixencia Artificial LIA (2), un grupo integrado no CITIC da Universidade da Coruña, composto por investigadoras e investigadores de diferentes áreas que traballan na aplicación das tecnoloxías da información e as comunicación. O xurado avaliou positivamente a presenza de mulleres no grupo e o feito de promover actuación inclusivas.
E no apartado Selo de Calidade, que distingue a empresas innovadoras que consolidaran unha traxectoria de prestixio nos últimos anos, premiase á candidatura da empresa Hifas da Terra, compañía pontevedresa que leva xa 25 anos de traxectoria e consolidouse coma empresa biotecnolóxica líder en Europa na comercialización de produtos sanitarios e farmacéuticos baseados en fungos. O xurado subliñou a traxectoria de éxito internacional dunha compañía que se amosa orgullosa da súa galeguidade e aposta polo papel da muller en postos salientábeis e impulsa proxectos innovadores no seu eido de actividade.

PUBLICIDADE