Os Premios Galicia de Industria do ICOIIG entréganse este venres na Coruña

xoves, 15 de xuño do 2023 S. P.

O Palacio da Ópera da Coruña acollerá este venres 16 de xuño, ás 20.00 horas, o acto de entrega do V Premio Galicia de Industria, galardóns convocados polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) e a Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia (AIIG) para “recoñecer as mellores traxectorias no fomento e implantación de boas prácticas no eido da industria en Galicia, así como as contribucións realizadas polos profesionais e empresas galegas ou que realicen a súa actividade en Galicia”, asegura Francisco Manuel Pérez Rivas, decano do ICOIIG e presidente da AIIG.
Na quinta edición dos galardóns recoñeceranse proxectos presentados por seis empresas da Coruña, Lugo e Pontevedra que destacan “polo seu valor engadido a sectores como a dixitalización, ciberseguridade, eficiencia enerxética, sustentabilidade ou a xestión intelixente”.
Premio á mellor innovación industrial
Repsol polo Proxecto G-54 (Novo Compresor con motor de Alta Velocidade e Cojinetes Magnéticos) do Complexo Industrial A Coruña, cuxas vantaxes, en palabras do xurado, “residen en aspectos ambientais cunha redución de emisións de CO2 de máis de 12.000 toneladas anuais, un aforro enerxético próximo ás 6.000 toneladas de gas natural, a minimización de residuos e un destacado aforro de auga para a produción e refrixeración, ademais das propiamente industriais cunha maior eficiencia e fiabilidade, redución de custos e a súa dixitalización con control remoto”
Mellor traxectoria profesional na industria e enxeñería
Esta distinción irá dar a mans de José Ramón Álvarez Arnau, tras máis de 50 anos colexiado ao ICOIIG e cunha extensa vida profesional como enxeñeiro industrial, abranguendo todos os eidos ao servizo da Administración do Estado, da empresa privada, da oficina técnica coa redacción de proxectos industriais de todo tipo, da Administración de Xustiza como perito de parte e perito xudicial e da formación. Este enxeñeiro industrial cos seus 83 anos segue desenvolvendo a súa profesión e visando os seus traballos no ICOIIG e con máis de 5000 actuacións ás súas costas.
Premio á Startup Industrial con maior impacto: Dooroti (Pontevedra)
Este premio recoñecerá as contribucións de Dooroti, ferramenta de xestión intelixente de prazas de garaxe que se basea nunha plataforma onde os propietarios (anfitrións) mostran a dispoñibilidade de prazas baleiras para que outros usuarios poidan utilizalas temporalmente. Este proceso realízase de forma segura e automáticas a través da aplicación móbil de Dooroti, dispoñíbel de balde para iOS e Android. “Con ela, usuario pode buscar unha praza libre, reservala e pagala previamente por horas, días, semanas ou meses”, explican dende o xurado. Na actualidade Dooroti dispón de 210 prazas abertas repartidas en Pontevedra (110), en Sanxenxo (81), Vigo (15) e Santiago (4). Os prezos de cada praza varían en función da localización, duración de reserva, propoñendo prezos por baixo dos aparcadoiros públicos próximos e por encima da zona azul.
Premio á mellor actuación en Industria 4.0 transformación dixital: Navantia (Ferrol. A Coruña)
Navantia coa súa creación Xemelgo Dixital de Planta na súa factoría da ría de Ferrol, que se atopa plenamente operativo no devandito centro. A súa innovación con respecto a outros xemelgos dixitais baséase na súa operatividade e beneficios en termos de ciberseguridade (plataforma protexida e segura que permite acceder á información en tempo real sobre as operacións garantindo a privacidade e seguridade da información), eficiencia enerxética (a través da monitoraxe e optimización do consumo de enerxía en tempo real), Big Data e analítica (recompilación e análise de grandes volumes de datos, facilitando a toma de decisións e a análise preditiva), seguridade e benestar das persoas, así como a sustentabilidade.
O proxecto foi deseñado integramente en Galicia, de maneira que fortalece o vínculo desta comunidade co sector industrial e mostra o compromiso coa promoción industrial na comunidade autónoma e impulsa a contratación e capacitación de enxeñeiros industriais galegos, fortalecendo o sector e creando emprego de calidade en Galicia.
Premio á mellor actuación de sustentabilidade, socialmente responsable e medioambiente
Neste galardón premiarase o labor de Agroamb Prodalt S.L. A actividade desta empresa apóiase, desde os seus inicios, na sustentabilidade e o respecto ao medio ambiente, así como o asentamento de poboación no rural e creación de emprego cualificado. A súa actividade principal é a elaboración de fertilizantes orgánicos e emendas a partir da valorización de residuos orgánicos da industria agroalimentaria. Este novos proceso, que foi galardoado co Premio Europeo ao Medio Ambiente que outorga a Comisión Europea, é “unha clara aposta polos modelos de economía circular ao converter un residuo nun recurso”, salienta o xurado.
Mención Especial
A Mención Especial será para a Autoridade Portuaria da Coruña polo Porto exterior da Coruña: unha aposta de futuro da Coruña Green Port que implica tres grandes oportunidades. A primeira, e principal, afastar da cidade os tráficos portuarios de maior perigo e incidencia ambiental (produtos petrolíferos). A segundo, eliminar o poliducto que discorre por gran parte do subsolo da cidade da Coruña e permitir a renovación do porto interior e da nova fachada marítima, que é o maior proxecto da historia recente da cidade. E, a terceira oportunidade, a creación dun gran porto capaz de atraer novos tráficos e novos investimentos.
Mención honorífica á Industria Galega
Esta mención será para o Grupo Lence, única empresa galega entre as 10 produtoras lácteas máis grandes de España, tendo en conta que Galicia produce o 40% do leite que se consume en España. Ademais, este grupo lucense é a segunda empresa que máis leite recolle en Galicia e a única entre as catro primeiras que é 100% galega. Xera 450 empregos directos e máis de 2.600 indirectos.

PUBLICIDADE