Os Pixel 8 e 8 Pro melloran en prestacións grazas á IA

mércores, 4 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Google presentou hoxe a nova xeración dos seus produtos insignia, encabezados polos smartphones Pixel 8 e Pixel 8 Pro, que manteñen a súa habitual liña de deseño e incorporan novas funcións baseadas principalmente na IA grazas ao procesador Tensor G3 de Google.
O Pixel 8 presenta bordes redondeados, un tamaño reducido lixeiramente con respecto ao xa cativo Pixel 7 á vez que o seu brillo na súa pantalla de 6,2 polgadas mellor un 42% con respecto ao móbil da xeración anterior. Funciona cun procesador Google Tensor G3, 8 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento UFS 3.1, cámara traseira dual cun sensor principal de 50 Mpíxeles, cámara frontal de 10,5 Mpíxeles, altofalantes estéreo, NFC, Bluetooth 5.3, 5G, nano SIM e eSIM, batería de 4.575 mAh con carga rápida por cable (30 watts) e sen fíos e resistencia IP68 contra a auga e o po. O seu prezo de venda parte dos 799 euros.
Pola súa banda o Pixel 8 Pro ten unha pantalla de 6,7 polgadas cun brillo normal de até 1.600 nits e de até 2.400 nits cando o brillo está ao máximo, 12 GB de RAM, 128/256/512 GB de almacenamento UFS 3.1, procesador Google Tensor G3, cámara traseira tripla (cun sensor principal de 50 Mpíxeles, un ultra grande angular de 48 Mpíxeles e un teleobxectivo de 48 Mpíxeles), cámara frontal de 10,5 Mpíxeles, altofalantes estéreo, NFC, Wi-Fi 7, Bluetooth 5.3, 5G, nano SIM e eSIM, batería de 5.050 mAh con carga rápida por cable (30 watts) e sen fíos, así como resistencia IP68 contra auga e po. O seu prezo de venda parte dos 1.099 euros.
Pero o máis interesante destes smartphones non é o seu hardware, que é bastante ordinario, senón o seu software, que abre moitas posibilidades, como nas cámaras, o que permite disparar fotografías e gravar vídeo cunha calidade notable sen dificultade, así como realizar edicións doadas nas imaxes, como poder combinar fotografías de grupo para que cadaquén saia coa súa mellor cara, poder eliminar obxectos ou incluso poder mudar tamaños e posicións de elementos para dar lugar á composición que desexemos.
No apartado do vídeo, aínda que as melloras en iluminación, estabilización e redución de ruído son notables, chama especialmente a atención o Borrador Máxico para Audio, que permite eliminar mediante IA os sons indesexables como o vento ou o rebumbio dunha multitude, para que poidamos escoitar realmente o que nos interesa nas nosas gravacións.
A IA dos novos Pixel tamén axuda a loitar contra as chamadas telefónicas indesexadas (e no futuro incluso permitirá responder a chamadas sinxelas sen sequera coller o teléfono), conta con múltiples funcións de tradución automática (facilitando manter conversas cara a cara en 49 idiomas en tempo real, así como transcribir mensaxes que recibamos ou letreiros que teñamos diante), e tamén aplica a tecnoloxía de eliminación de ruído de fondo para as chamadas telefónicas, conseguindo unha grande nitidez tamén cando o ruído está ao outro lado da liña telefónica.
Cómpre salientar detalles como a detección de accidentes de tráfico, a integración dunha VPN que engade certa protección en liña e a promesa de recibir actualizacións de seguridade durante 7 anos, converténdose nos móbiles con Android con máis soporte do mercado.
Estes novos móbiles chegarán ao mercado español o vindeiro día 12.

Vídeo promocional dos novos Pixel 8 e 8 Pro

PUBLICIDADE