Os Nexus One comezan a recibir a súa actualización a Android 2.2

martes, 29 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Aínda que moitos usuarios do Nexus One instalaron manualmente Android 2.2 nos seus terminais dende hai cousa dun mes, non é ata hoxe cando a actualización do sistema operativo do móbil de Google comeza a espallarse internacionalmente de xeito oficial, polo que nos vindeiros días os usuarios destes terminais recibirán unha interesante actualización que mellora claramente o rendemento do terminal e engade múltiples novidades coma un novo lanzador de aplicacións, melloras no soporte de Exchange, a posibilidade de utilizar o flash LED a modo de facho para gravar vídeo con pouca luz, a posibilidade de converter o móbil nun punto de acceso Wi-Fi ou o soporte de Flash 10.1.
Os usuarios recibirán unha mensaxe no seu teléfono na barra de notificacións dende a que é posible iniciar a descarga da actualización e a súa posterior instalación, esperándose que estea dispoñible para todos os usuarios do Nexus One antes de rematar a semana.
Por outra banda, a actualización a Android 2.2 para o HTC Desire, o HTC Legend e o HTC Wildfire parece que vai demorarse ao terceiro trimestre do ano, pois HTC deberá actualizar a interface HTC Sense a Froyo.


Vídeo de presentación de moitas das novas funcionalidades do Android 2.2 Froyo

PUBLICIDADE