Os Museos Científicos Coruñeses poñen en marcha visitas escolares virtuais

luns, 9 de novembro do 2020 S. P.

Os Museos Científicos Coruñeses, co fin de paliar as limitacións á presencialidade que poñen en xogo os protocolos COVID, veñen de lanzar unha oferta de visitas escolares virtuais que, en palabras da alcaldesa, Inés Rey, permiten ampliar o nivel de actividade divulgativa dos museos “demostran que están preparados para incorporar novos formatos máis alá das necesidades derivadas da actual situación”.
A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrrae desenvolveron un conxunto de actividades para os grupos escolares que desexen visitalos e gozar das súas experiencias sen saír da aula. As visitas virtuais, que se realizarán a través dunha aplicación de vídeo-conferencia, permitirán ademais interactuar coa aula a través do vídeo ou do chat. As actividades están abertas a todos os centros educativos de España, aínda que se lle dará prioridade os colexios da cidade.
A alcaldesa, Inés Rey, explicou que “temos claro que os mc2 funcionan como atractivo para o turismo, pero iso non significa que perdamos de vista a súa función esencial, que é educativa e de moita relevancia nestes tempos nos que se está demostrando que a aposta pola ciencia supón un eixe vital como sociedade”.
A Domus ofrece un completo programa de obradoiros que inclúen diseccións en directo de corazón, de ollo e de flores, así como visitas virtuais á exposición sobre nutrición, acompañadas de xogos interactivos e experimentos.
No Aquarium Finisterrae haberá visitas guiadas á sala Maremagnum, deténdose nos ecosistemas mariños dos grandes acuarios, e na vida intermareal da Charca das Caricias. Tamén haberá unha visita á sala Nautilus, onde se poderá coñecer aos peixes de maior tamaño que nadan alí, como as quenllas, corvinas, douradas, robalizas e meros, así como os bancos de cabalas e xurelos.
Doutra banda, os grupos que elixan a Casa das Ciencias poderán descubrir, realizando unha conexión en liña desde a exposición Puro Swing, os experimentos con péndulos de Galileo e Foucault que cambiaron a historia da ciencia.
Estas visitas virtuais serán de balde para todos os grupos escolares que as soliciten, e estarán dispoñíbeis para todos os niveis educativos. Toda a información e os formularios de solicitude de visita están xa accesíbeis na web do Concello da Coruña.

PUBLICIDADE