Os Ministerios de Industria e Interior, contra o ciberdelito

venres, 5 de outubro do 2012 Redacción

Ningunha profecía nos puido advertir do grao de dependencia que suporía a introdución das TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación) en determinados ámbitos da nosa sociedade. Se cadra George Orwell se puido achegar algo á idea de control do pensamento na súa novela 1984, na que xa se adiantaba un supremo control de masas -que equivalería á ligazón universal que existe por medio da Rede- ou unha nova linguaxe que ben podería ser a empregada nos chats ou nos SMS. Como é de supor toda nova onda ten a súa cara negativa, a súa contracorrente, e internet e o mundo que o rodea non ían ser menos... referímonos á ciberdelincuencia ou ciberterrorismo. Na actualidade está a medrar a ameaza contra o entorno dixital, é por iso que o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo máis o Ministerio do Interior veñen de asinar un convenio de colaboración co propósito de combater cunha meirande eficacia a loita contra a ciberdelincuencia.
Asemade, o acordo -asinado polo secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Víctor Calvo-Sotelo e o secretario de Estado de Seguridade, Ignacio Ulloa- recolle melloras na protección das infraestruturas críticas, coa axuda do Corpo Nacional para a Protección das Infraestruturas Críticas (CNPIC), as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (FCSE) e o Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTridade.ECO).
Para reforzar esta loita contra o ciberdelito, ampliaranse as capacidades de detección, investigación e persecución do roubo de información, o fraude electrónico, a suplantación de identidade, a pornografía infantil e a pederastia. Alén destas medidas, con este acordo tamén se quere aumentar a protección das infraestruturas críticas e a eficacia da resposta aos incidentes que poidan afectarlles. Amais de crear novas capacidades de detección e alerta temperá, desenvolveranse procedementos e ferramentas de seguridade específicas, traballarase na preparación do conxunto dos operadores de infraestruturas críticas e dos equipos de seguridade, tanto públicos coma privados, mediante a realización de ciberexercicios periódicos para avaliar a capacidade de reacción fronte a incidentes de seguridade informática.

PUBLICIDADE