Os Colexios de Informática participarán nas xornadas de acollida da ESEI de Ourense

martes, 3 de setembro do 2013 Redacción

Os presidentes do CPETIG e o CPEIG conversando sobre a problemática do borrador de LeiO Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participará mañá nas Xornadas de Acollida que organiza a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) de Ourense no Edificio Politécnico. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, xunto co presidente do CPTEIG, Marcos J. Mata, abordará nunha mesa redonda As profesións informáticas e o papel dos Colexios Profesionais.
A intervención de Fernando Suárez Lorenzo na mesa redonda que se celebrará mañá inscríbese nos múltiples contactos que o Colexio mantén co eido universitario a prol dun maior coñecemento do CPEIG e das vantaxes da colexiación entre as e os estudantes.
A charla terá lugar no Salón Marie Curie do Edificio Politécnico a partir das 10 da mañá, e tras a mesma realizarase a presentación dos programas de mobilidade, das prácticas en empresas, da área de emprego do Campus de Ourense e de empresas e institucións colaboradoras no programa de Prácticas en Empresas da ESEI (Imaxdi, CITI e Origami).
Durante o xoves continuarán as xornadas de acollida (cuxo programa podemos descargar en formato PDF) cunha conferencia sobre Augusta Ada Byron pola mañá e un obradoiro de Introdución á Informática pola tarde.

PUBLICIDADE