Os Clústers TIC e Audiovisual sentan os alicerces dun polo de colaboración estábel arredor da innovación

xoves, 19 de setembro do 2013 Redacción

A colaboración do Clúster TIC Galicia e o Clúster do Audiovisual Galego (CLAG) xa vén de antigo, apoiada en obxectivos comúns e nunha chea de recursos compartidos que, xuntos e en bo funcionamento, impulsan a mellora e o crecemento de empresas de ámbalas dúas beiras: as de novas tecnoloxías poñendo TIC en xogo para abrir novos vieiros de creación, de comunicación e de distribución para as empresas do audiovisual, e estas poñendo ao alcance de aquelas contidos e formas de expresión. Pois ben, semella que a colaboración segue adiante, así nolo contaron os días pasados o Clúster TIC e máis o CLAG, que teñen entre mans a iniciativa ICT-Media, un grupo de traballo que ten o obxectivo de promover a Investigación, o Desenvolvemento tecnolóxico e a Innovación (I+D+i) e así xerar e propiciar sinerxías entre ambas entidades e os seus membros.
Asemade, do que se trata é de facilitar un clima que en si mesmo favoreza a posta en marcha de máis colaboración e máis proxectos. A clave, sinalan, pasa pola creación dun pulo cooperativo estábel e que teña como eixes dúas liñas de traballo fundamentais: a xeración de contidos para a explotación do patrimonio cultural e a xeración de contidos dixitais para a educación. O labor a desenvolver polo grupo de traballo será a de achegar ideas e propostas dentro destas liñas de actuación, “co obxectivo de acadar un consenso que permita crear un consorcio entre as empresas interesadas”, sinalan ámbalas entidades, que engaden que arestora están a traballar na definición do grupo de empresas que darán forma aos ditos eidos de cooperación.

PUBLICIDADE