Os Centros de Betanzos e Vilasantar dan conta das actividades TIC que levaron a cabo en xullo

mércores, 29 de xullo do 2009 Raquel Noya

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, na súa teima por seguir achegándolle as TIC a tódolos veciños e veciñas galegas do rural, titorizando á cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para rachar coa fenda dixital existente no noso país, continuou en xullo coa súa labor de difusión das novas tecnoloxías, e vén de dar conta das actividades que levou a cabo nos centros de Vilasantar e Betanzos.
Durante este mes de xullo foron 26 os novos usuarios que se uniron á Rede de Dinamización en Betanzos, 8 homes e 18 mulleres, que aproveitaron o seu tempo libre para achegarse un pouco máis á Sociedade da Información.
En total, leváronse a cabo 5 obradoiros nos que participaron 50 persoas, na súa maioría mulleres. Os obradoiros máis demandados foron o de Procesador de textos e o de Alfabetización dixital, cun total de once participantes cada un. Foron 52 horas de formación que se desenvolveron na aula do Telecentro do concello betanceiro.
A Rede de Dinamización da Sociedade da Información tamén continuou en xullo co seu traballo decidido a prol da inmersión da sociedade galega nas novas tecnoloxías en Vilasantar, concello que remata o mes logo de impartir un total de 4 obradoiros tecnolóxicos, que se estenderon ao longo de 30 horas e a través dos que se formou a 20 persoas.
Os obradoiros impartidos este mes foron Debuxa co ordenador, Mecanografía, Wikipedia e Ferramentas TIC de apoio educativo. Asemade, levouse a cabo unha charla na que se formou aos asistentes para atopar traballo a través de Internet, na que se puxo de manifesto a grande diversidade formativa que oferta a Rede de Telecentros da man dos 51 dinamizadores e dinamizadoras que traballan de xeito incansable para formar á cidadanía en materia de novas tecnoloxías.
Asemade, 5 persoas inscribíronse como usuarios/as da Rede para poder aproveitar -sempre de xeito gratuíto- as instalacións e todas as iniciativas que esta oferta nas horas de aula aberta, que foi utilizada nun total de 169 ocasións.
En canto aos números xerais da Rede, desde que botara a andar neste concello de Vilasantar en febreiro de 2008, foron xa 222 os usuarios e usuarias que fixeron o carné da RDSI. Neste tempo leváronse a cabo 46 obradoiros nos que se formou a 259 participantes. Aínda que os obradoiros son a principal actividade formativa que oferta a Rede, tamén se fixeron 7 charlas e 3 iniciativas, nas que participaron 48 persoas.
Durante o vindeiro mes de agosto, os centros de dinamización da Rede permanecerán pechados por vacacións, polo que non levarán a cabo ningún tipo de acción formativa, porén abrirán de novo as súas portas o vindeiro día 1 de setembro, cando retomarán as súas actividades en prol da inmersión da cidadanía galega na Sociedade da Información.

PUBLICIDADE