Os CD están preto da súa desaparición como soporte musical

martes, 3 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Os discos compactos (CD) como soportes de distribución musical teñen os días contados, e nos EE.UU. xa están a aproximarse á súa extinción comercial, ou iso parece despois de que a cadea de tendas Best Buy anunciase que o 1 de xullo retiraría os CD das súas tendas e Target procurase negociar as condicións de venda coas discográficas para non asumir riscos co inventario de discos.
Até hai poucos anos cada tenda de Target podía ter á venda máis de 800 álbums musicais diferentes, e actualmente non chega ao cento, ante a grande baixada de vendas, aínda que no casos de certos hits aínda conseguen mover centos de milleiros de copias, de aí que polo momento non desistan da comercialización dos CD, aínda que cunhas condicións que non supoña un elevado risco.
Cómpre destacar que aínda que na pasada fin de semana nos EE.UU. desen por certo o cesamento da venda de música en CD por parte de Best Buy, realmente iso non foi así, e o que aconteceu na práctica é que reduciron o espazo nas tendas destinado á venda de música, e ofrecen só unha selección de álbums. Dende a compañía aseguran que «o xeito no que a xente compra e escoita música mudou dramaticamente e, como resultado, reducimos a cantidade de espazo destinada aos CD nas nosas tendas. En calquera caso, seguimos a ofrecer CD, vinilos e música dixital en todas as nosas tendas», polo que podemos considerar que o CD está actualmente en tempo de desconto para a súa desaparición ou, cando menos, para ocupar un lugar totalmente distinto, na liña do que acontece cos discos de vinilo, que deron pé a un mercado coleccionista.
O CD demostrou unha grande resistencia, sendo un formato realmente lonxevo, algo que non acontecerá cos soportes de vídeo, que están nunha situación moi semellante pese a ser posteriores, de xeito que cada vez é menor a oferta de filmes en DVD e Blu-ray, dándose o caso de que moitas producións non chegan a comercializarse en alta definición en formato físico, deixando claro que a súa demanda é moi reducida.

PUBLICIDADE