Os Bonos Corazón de Santiago estarán dispoñíbeis para a súa descarga a partir deste venres

xoves, 16 de novembro do 2023 S. P.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou os detalles da nova convocatoria dos Bonos Corazón, que poderán descargarse a partir das 9.30 horas deste venres 17 a través da web bonoscorazoncompostela.gal. Destínase a esta iniciativa de dinamización comercial un orzamento de 433.000 euros. A principal novidade é que nesta ocasión só haberá bonos de 50 euros, e cada persoa poderá adquirir un máximo de tres. Como en edicións anteriores, o Concello achegará o 40% do importe do bono.
María Rozas explicou que a principal novidade da convocatoria é que haberá un único tipo de bono por un importe de 50 euros, dos que o Concello achegará 20 euros e a persoa beneficiaria os 30 euros restantes. Cada consumidor ou consumidora poderá descargar un máximo de tres bonos. A concelleira sinalou que "o obxectivo foi simplificar o proceso e favorecer que os Bonos Corazón cheguen ao maior número de persoas posible". Nese sentido, lembrou que o Goberno habilitou unha partida de 433.000 euros para a convocatoria, o dobre do que estaba inicialmente reservado nos orzamentos municipais prorrogados. A previsión é que grazas aos Bonos Corazón se mobilice un millón de euros en compras no pequeno comercio e na hostalería. “Se cada persoa usuaria solicita o máximo de tres bonos, a convocatoria chegaría a uns 7.200 consumidores e consumidoras”, dixo.
Os Bonos Corazón poderánse utilizar ata o 22 de decembro, e o seu funcionamento será idéntico ao de anteriores edicións. As solicitudes realizaranse a través da dita web e os bonos terán formato dixital a través dun código QR estarán dispoñíbeis para a súa utilización na aplicación móbil Wallet. A responsábel técnica do departamento de Comercio, Lucía Castro, explicou que os bonos tamén se poden solicitar presencialmente previa cita a través do enderezo electrónico comercio@santiagodecompostela.gal ou no teléfono 981 542 492. Desta maneira, apuntou, "trátase de evitar a fenda tecnolóxica, pensando sobre todo na poboación de maior idade".
Funcionamento
No momento da compra, as persoas usuarias mostrarán o código QR para realizar o pago, e o importe do bono irase reducindo ata o seu esgotamento. Os bonos poderanse empregar nunha ou varias compras ata o 22 de decembro, e a partir desa data os bonos non trocados caducarán.
Os establecementos interesados en sumarse ao programa dos Bonos Corazón poden facelo ata o 4 de decembro. A convocatoria está dirixida a negocios de comercio e hostalería, e no caso dos establecementos comerciais establécese a condición de que a súa superficie de venda será inferior aos 500 metros cadrados. “O obxectivo”, tal e como explicou a concelleira María Rozas, “é que a convocatoria beneficie fundamentalmente ao pequeno comercio local”.

PUBLICIDADE