Os Amigos da Dorna Meca estrean web

martes, 14 de abril do 2015 Redacción

A asociación Amigos da Dorna Meca, centrada na recuperación da tradición mariñeira do Grove e de Arousa (e sobre todo da parte desa tradición máis relacionada coas embarcacións, sendo a dorna o símbolo con toda probabilidade máis representativo) vén de informar da posta en marcha da súa nova web. Os obxectivos desta páxina acabada de estrear, comentan, son os de manter á comunidade asociativa (e demais persoas interesadas) informada das accións do colectivo e, tamén, crear un punto de referencia da historia da asociación e, por extensión, da tradición mariñeira do Grove.
A web abrangue coñecemento completo e detallado sobre as diferentes embarcacións e actividades (presentes e históricas) realizadas, “que será ampliado frecuentemente mediante un traballo de documentación”, explican dende a asociación arousá, que tamén fai saber que o sitio en liña será un sitio en liña en permanente construción, acollendo contidos de continuo e incluíndo datos dos integrantes do colectivo (formado por máis de 100 persoas), os colaboradores e as persoas interesadas en xeral na preservación da tradición mariñeira galega. A web, dende a que se convida a asociarse á comunidade en liña (e máis a navegar nos barcos cos que conta o colectivo), incorpora a maiores os seguintes apartados: Inicio, Historia, Barcos, Actividades, Tradición e Contacto.

PUBLICIDADE