Orb permite levar a televisión en directo ao iPhone

venres, 9 de maio do 2008 Marcus Fernández

Mentres algúns dispositivos permite a gravación do sinal de televisión para a súa posterior visualización en reprodutores multimedia coma o iPod, Orb estrou unha nova versión do seu servidor multimedia gratuíto que permite codificar os contidos accesibles dende o noso ordenador (música, imaxes e vídeo) e mesmo o sinal de televisión captado por unha tarxeta sintonizadora para acceder aos mesmos dende o iPhone e o iPod Touch a través dunha aplicación para estes terminais.
Coa aplicación OrbLive no iPhone os usuarios poden consultar os contidos compartidos dende un equipo informático (sen ter que convertelos previamente, pois a transcodificación se realiza en tempo real), o que xa permitían outros servidores multimedia semellantes, pero Orb é a primeira plataforma que fai o mesmo coa televisión en directo, o que resulta especialmente destacable porque se trata dunha aplicación de balde, aínda que o número de sintonizadoras de televisión soportadas é bastante limitado.
Orb non só permite compartir contidos co iPhone, senón que os achega a case calquera dispositivo con acceso á web, coma poden ser as consolas de videoxogos (PS3, Xbox 360 e Wii), axendas electrónicas (Palm) ou móbiles Nokia.


Demostración da instalación e uso de Orb no iPhone

PUBLICIDADE