Orange mellora a súa oferta de conexións por fibra óptica

venres, 13 de xuño do 2014 Marcus Fernández

As oferta actual de conexións de acceso á Internet por fibra óptica está a incrementar a súa competencia, con cada vez máis servizos, incrementos de velocidades de acceso e reducións de prezo, para o que está a contribuír Orange, compañía que anunciou hoxe unha renovación da súa oferta de servizos de fibra óptica, que pode visibilizarse xa nas conexións a 30 Mbps e teléfono fixo, que pasan a gozar de 50 Mbps e reducir o seu prezo a 18,95 euros/mes durante o primeiro ano e 25,95 euros/mes máis adiante (cantidades ás que habería que engadir a cota de liña de 18,15 euros). Neste caso teriamos unha rebaixa anual duns 65 euros fronte á anterior oferta de 30 Mbps.
As conexións a 100 Mbps custarían só 12 euros máis, o que tamén suporía un aforro de 66 euros fronte á tarifa anterior; chegando tamén o aforro aos usuarios que queiran optar por ofertas combinadas de fixo e móbil. Por exemplo, a oferta Canguro, que vén de dobrar os datos das súas liñas móbiles, tamén benefíciase do incremento de velocidade de 30 a 50 Mbps sen incremento de prezo, de xeito que por 41,95 euros/mes (con IVE e cota de liña incluídos) poden gozar de 150 minutos de chamadas móbiles, 1 Gb de datos móbiles e fibra óptica de 50 Mbps, podendo optar tamén pola modalidade de fibra a 100 Mbps por 53,95 euros/mes.
Unha das vantaxes das que presume Orange coa súa oferta de fibra óptica é a súa nova xeración de routers sen fíos, que opta pola conectividade Wi-Fi AC, de xeito que é posible gozar dunha conexión de 100 Mbps tanto por cable coma por Wi-Fi (mentres que con tecnoloxías Wi-Fi anteriores non é posible chegar nin á metade da velocidade que achega realmente o operador).
Cómpre destacar que aínda que actualmente a oferta de fibra óptica de Orange está dispoñible para 800.000 fogares españois, polo momento non ten presenza en Galicia.

PUBLICIDADE