Orange leva a súa fibra avanzada a 2.000 inmóbeis do centro histórico de Santiago

mércores, 31 de marzo do 2021 S. P.

O mapa actual da cobertura na amédoa histórica de Santiago, en laranxa o que xa está operativo e en azul en desenvolvemento

Os esforzos para dotar a zona vella de Santiago de fibra óptica de vangarda e Internet de alta velocidade (traballos impulsados pola axencia autonómica AMTEGA e o Concello, e desenvolvidos pola operadora Orange) veñen de chegar a un punto culminante: a posta disposición de 2.000 vivendas e negocios de acceso ás que en palabras de Orange son “as comunicacións fixas máis avanzadas do mercado”.
O proceso tivo un fito histórico previo este mes de xaneiro, cando a compañía anunciou que se podían de dar alta os primeiros fogares das rúas do Franco e do Vilar.
Agora, xa poden solicitar este servizo de telecomunicacións o 60% dos inmóbeis situados dentro da “améndoa central” da localidade. En concreto, as novas zonas habilitadas son as marcadas en laranxa no plano que acompañamos.
A operadora lembra que ademais destes 2.000 inmóbeis aos que agora se abre o servizo, existen outros 1.500 (marcados en azul no plano), onde xa se desenvolveron os traballos de despregamento, atopándose en fase de probas.
Orange lembra que o acceso final da fibra óptica a estes inmóbeis realizouse “de acordo ás condicións acordadas coas distintas administracións, que implica que o mesmo debe realizarse polo interior dos edificios”. En consecuencia, “aqueles edificios que aínda non teñan habilitado o acceso para a fibra óptica ao interior non poderán darse de alta nos servizos de forma inmediata, ata que este acceso estea executado”.
Fase final
Coas novidades dadas a coñecer esta semana, entra en funcionamento a fase final do proxecto anunciado no verán de 2020 por parte do Concello de Santiago de Compostela, Orange, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Educación, Cultura e Universidade. Desde entón, leváronse os traballos para dotar da mellor infraestrutura fixa de telecomunicacións aos inmóbeis do conxunto histórico, cun investimento por parte de Orange de 2,4 millóns de euros. O devandito plan materializouse utilizando caixas de baixo impacto visual nas fachadas e as canalizacións existentes, “para respectar o patrimonio histórico santiagués”.
Esta iniciativa, sinala a empresa, “ratifica o compromiso de Orange co desenvolvemento socioeconómico da cidade de Santiago, onde investiu preto de 14 millóns de euros nos últimos anos para facer chegar aos seus habitantes as mellores infraestruturas fixas e móbiles”.
O actual proxecto no centro histórico compostelán é “unha mostra máis da frutífera colaboración público-privada que Orange está a realizar cos distintos concellos galegos e coa Xunta de Galicia, que tivo tamén o seu reflexo noutras iniciativas de gran impacto para a sociedade galega, como son o Programa Escolas Conectadas, a colaboración dentro do nodo 5G de Galicia, do Pacto Dixital e os programas levados a cabo pola Fundación Orange, onde 1.000 familias e usuarios de residencias de persoas maiores galegas beneficiáronse dos proxectos Paciente Conectado e Gigas solidarios durante a crise da COVID-19”.
Orange lembra que a contratación pódese levar a cabo a través da súa web ou nas tendas da compañía no Centro Comercial As Cancelas, na rúa República do Salvador e na rúa Romero Donallo.

PUBLICIDADE