Orange dotará aos centros educativos galegos de conexións á Rede a até 500 Mbps

venres, 13 de xaneiro do 2017 Redacción

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, recibiu hoxe ao conselleiro delegado de Orange España, Laurent Paillassot, quen lle explicou as principais iniciativas do operador en Galicia, entre as que destacou o despregamento de redes ultrarrápidas en 820 centros educativos públicos da Comunidade, responsabilidade de Orange tras resultar a empresa adxudicataria da iniciativa Escolas Conectadas, que se desenvolve grazas á colaboración entre a AMTEGA, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Ministerio de Educación, Cultura Deporte e Red.es, que é o órgano de contratación.
Segundo explicou o seu conselleiro delegado, Orange garante conexións de 500Mbps de baixada e 500 Mbps de subida en 518 centros educativos e 150 Mbps de baixada e 50 de subida noutros 321 centros. Ademais, a Xunta proporcionará a todos os centros contarán Wi-Fi de alta capacidade. O investimento da actuación xunto co custe do mantemento das liñas supoñen un orzamento de 17,7 millóns de euros. Esta actuación, sumada ás que xa ten en marcha a Administración autonómica, posibilitará que a totalidade dos centros públicos de primaria e secundaria galegos, máis de 1.200, dispoñan de redes ultrarrápidas a finais de 2018 (a día de hoxe máis do 40% dos centros educativos contan con conexións de 100/200 Mbps).
O incremento de velocidade permitirá os centros ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos, permitindo a conexión simultánea dun maior número de equipos e o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.
Laurent Paillassot tamén avanzou ao presidente que os servizos de fibra óptica de Orange están xa dispoñibles nas localidades da Coruña, Pontevedra, Ourense, Ferrol, Santiago de Compostela e Lugo, e ao longo de 2017 sumaranse 40 municipios máis.

PUBLICIDADE