Orange comercializa en exclusiva o Motorola Milestone en España

luns, 22 de marzo do 2010 Marcus Fernández

Pese a que agardábase a súa chegada ao mercado español en maio, hoxe Orange incorporou ao seu catálogo de terminais o Motorola Milestone, a edición europea do popular Motorola Droid, terminal que apoiado por unha forte campaña publicitaria conseguiu un éxito semellante ao iPhone, converténdose nun dos referentes do sistema operativo Android con 1,6 millóns de unidades vendidas.
O Motorola Milestone ten un prezo libre de 499 euros, pero Orange permite xa encargalo por dende 0 euros, segundo as condicións de contratación, polo que convértese no primeiro móbil en chegar co sistema operativo Android 2.1 ao mercado español.
Pese a que o novo móbil de Motorola non inclúa a etiqueta With Google, isto parece estar provocado por un problema loxístico, e estariamos ante un terminal que inclúe de serie todas as aplicacións de Google (ata o Google Maps Navigation).
No rango de prezos do terminal teriamos que a súa adquisición sae en ata 269 euros (para alta nova cunha permanencia de 18 meses), baixando a 159 euros no caso dunha portabilidade e mellorando o prezo ata chegar a saír gratis de incorporar tarifas mensuais elevadas e compromisos de permanencia nas mesmas.
O Motorola Milestone é un móbil con pantalla multi-táctil de 3,7 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles, teclado QWERTY deslizante, cámara de 5 Mpíxeles, GPS, compás dixital, Wi-Fi, Bluetooth, USB, conector para auriculares estándar e unha tarxeta de memoria microSD de 8 Gb (soportando tarxetas deste tipo de ata 32 Gb). Estariamos así ante un terminal con prestacións inferiores a un Nexus One ou HTC Desire, pero mellor orientado a usuarios profesionais, o que podería ser o segredo do seu éxito.

PUBLICIDADE