Orange, a EOI e o IGAPE impulsarán na nosa terra o emprendemento

luns, 5 de xuño do 2017 Redacción

A compañía de telecomunicacións Orange semella querer botar unha man, tamén, a prol da innovación e o emprendemento da nosa terra (e dicimos o de “tamén” por sumarse a contribución de Orange á de Telefónica, materializada a través de Galicia Open Future, e á de Vodafone, a través de Connecting for Good Galicia). Pois ben, a achega de Orange collerá corpo a través dun acordo acabado de asinar coa Consellería de Economía (IGAPE) e a Escola de Organización Industrial (EOI) para dar forma conxunta a un programa formativo de balde en ferramentas dixitais para o desenvolvemento do emprendemento e a xeración de emprego en Galicia. O acordo de colaboración está aberto a todos os concellos galegos que desexen adherirse a este proxecto de capacitación dixital cidadá, que se desenvolverá a través dunha plataforma en liña.
O programa Sé dixital preparará a cidadáns e empresarios locais para a nova economía dixital mediante a aplicación das novas tecnoloxías á súa vida cotiá e ao desenvolvemento e dinamización dos seus negocios. O obxectivo deste acordo é “convidar a todos os concellos galegos para que se adhiran a unha iniciativa cuxos fins son o impulso do desenvolvemento empresarial, a xeración de emprego e a retención do talento local a través das novas tecnoloxías”. E que poderán facer a través disto as corporacións locais que se sumen á proposta? Pois botarlles unha man aos empresarios e emprendedores para mellorar a súa actividade mediante unha completa capacitación TIC.
Segundo sinalan o IGAPE e a EOI acerca dos porqués do programa e desta necesidade de actualizármonos tecnoloxicamente, “a economía dixital está a crear novas oportunidades de negocio, que á súa vez xeran novas necesidades formativas en ferramentas dixitais, innovación e emprendemento”. Cara a isto precisamente encamíñase o programa Sé Dixital, tanto na súa edición galega (xunto co IGAPE) como a nivel estatal.
O IGAPE, a EOI e Orange, amais dos concellos adheridos, levarán a cabo un labor complementario de captación e de fomento da participación nos diferentes obradoiros. Por certo que estes xa teñen aberto neste intre o seu prazo de inscrición na web do programa. O período de formación, que terá unha duración de seis semanas, concluirá o 26 de xullo.
O programa Sé Dixital (a vertente galega de Sé Digital) alíñase coa Axenda Galicia-Industria 4.0. En palabras das entidades impulsoras, vén a reforzar os instrumentos que está a impulsar o Goberno galego “para promover a dixitalización do tecido produtivo”, especialmente a través de programas como o ReAcciona TIC.

PUBLICIDADE