Orange, Ericsson, Grupo Pereira e Gradiant presentan un novo e exitoso caso de uso da 5G na loxística

mércores, 16 de febreiro do 2022 S. P.

As empresas Orange, Ericsson e Grupo Pereira presentaron na sede desta empresa viguesa unha nova aplicación da tecnoloxía 5G que se centra nas súas vantaxes para a xestión de frotas de transporte: vantaxes que se traducen nunha meirande rapidez na actividade despregada, nun claro aforro de recursos e nun meirande número de dispositivos conectados. Segundo engadiron, a aplicación da 5G na loxística e na xestión de vehículos permite incrementar a eficiencia e optimizar a distribución de produtos perecedoiros. As empresas contaron co apoio do Centro Tecnolóxico Gradiant, tamén con sede en Vigo. Grazas á súa colaboración, desenvolveuse un prototipo para a xestión loxística que consta dun dispositivo de monitoraxe situado nos vehículos loxísticos de transporte alimentario e que ten capacidade para rexistrar a posición destes. Engadiuse un sistema de software que recolle e secuencia a información do vehículos.
“Grazas ás prestacións da nova tecnoloxía móbil 5G”, sinalaron as ditas empresas, “conséguense unhas precisas marxes de tempo, tanto nas recollidas como nas entregas de mercadorías, o que, unido ao control estrito das condicións ambientais durante o traxecto, asegura o total mantemento da calidade dos produtos até o seu lugar destino”.
No acto de presentación deste caso de uso estiveron presentes: Miguel Rodríguez Quelle, director da área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Óscar Aragón e Jesús Costoya, director territorial de Relacións Institucionais e responsábel de Grandes Contas de Orange en Zona Norte, respectivamente; Ruy Andrade e Pablo Mouriño, directores de Relacións Institucionais e de Loxística de Grupo Pereira, respectivamente; e os investigadores de Gradiant Carlos Couso e David Fondo.
Todos eles salientaron as vantaxes que ofrece a tecnoloxía 5G, que “permite dar soporte, de forma moi eficiente, a este tipo de comunicacións no sector loxístico, reducindo os recursos de rede asociados á conexión dunha gran cantidade de dispositivos de monitoraxe e facendo posíbel, ademais, que os dispositivos teñan un consumo enerxético menor, reducindo o custo de instalación e mantemento”.
Pola súa banda, dende o Grupo Pereira, empresa integrada verticalmente do mar á mesa, con frota de distribución de hostalaría propia, destacaron a importancia de coñecer en tempo real as condicións da cadea de frío dos seus camións, así como o tempo de reparto por cliente, para evitar atrasos nas entregas e acadar unha maior eficiencia enerxética.
Finalmente, Óscar Aragón Fernández puxo en valor “os beneficios que achegan estes casos de uso para detectar máis e mellores aplicacións da tecnoloxía 5G. Grazas ás diferentes experiencias que estamos a levar a cabo no marco do Plan Nacional 5G, estamos a descubrir como pode axudar esta nova rede móbil a mellorar a eficiencia dos máis diversos sectores industriais, tamén o transporte, abrindo así novas posibilidades para o desenvolvemento e progreso do tecido produtivo en todas as rexións. Aínda hai moito por descubrir e estamos orgullosos de poder participar niso, ao mesmo tempo que avanzamos nos despregamentos das redes 5G que necesita o país para seguir medrando en competitividade”.
Este proxecto enmárcase no Plan Nacional 5G, o programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa Red.es, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e co-financiado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e para a execución do mesmo en Galicia formouse unha UTE composta por Orange e as galegas Cinfo, Gammera Nest e Optare Solutions, entre outras entidades colaboradoras.

PUBLICIDADE