Orama: tecnoloxía galega para converter o móbil nunha xanela á información da nosa cidade

luns, 12 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Agora que en boa medida temos a tecnoloxía, só falta incidir nas súas múltiples aplicacións. Un ámbito de traballo especialmente interesante é, sen dúbida, todo o que teña que ver coa transformación das cidades nas que vivimos en algo como accesos múltiples e universais á información que precisamos. Nesta liña de incluír no tecnolóxico-dixital o que decote se viña facendo de xeito presencial e empregando esforzos, papel e tempo, é onde se move a empresa galega Contact Comunicación, con sede na Tecnópole de San Cibrao das Viñas, en Ourense. A súa arela é crear un contorno urbano onde o coñecemento estea na pantalla do noso móbil, tan preto como nos poidamos imaxinar. Niso consiste o seu servizo Orama.
Imaxes da aplicación móbil baixo Android e iOSMáis polo miúdo e segundo informa a propia empresa, trátase dunha canle de comunicación móbil que xorde para substituír á publicidade que se nos achega polo vieiro tradicional, a través de impresos en papel “que a maior parte das veces tiramos ao chan ou a unha papeleira e sen que ninguén lles preste moita atención”, por información na pantalla do noso dispositivo, dispoñíbel os 365 días do ano, as 25 horas do día e sempre actualidade. Asemade, engádese, ao eliminar o tradicional sistema de impresión, diminúese de xeito drástico o custe económico e máis o medio ambiental.
A canle foi desenvolvida, como dixemos antes, por Contact Comunicación, unha empresa galega especializada na procura de novas ferramentas de información para os diferentes tecidos produtivos, ferramentas máis eficaces para os anunciantes, menos invasivas para os usuarios e máis respectuosas co medio.
Segundo se fai saber na tenda de Apple (así como no Android Market), na que está dispoñíbel Orama, estamos ante unha aplicación encamiñada á promoción de todo tipo de actividades e a localización de puntos salientábeis dentro dunha cidade. “Por exemplo”, explícase, “estando situados no centro de Madrid, poderemos ver os eventos que se están a levar a cabo nunha contorna de 20 kms á redonda, así como lugares senlleiros da cidade que pague a pena visitar”.


Vídeo de prensetación de Orama

Imaxes da aplicación móbil baixo Android e iOS

PUBLICIDADE