Oracle doa o OpenOffice.org á Fundación Apache

venres, 3 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Finalmente semella que unha parte das dúbidas sobre o futuro de OpenOffice.org, o paquete ofimático libre en mans da empresa Oracle (segundo puidemos comprobar nos últimos tempos, pouco dada a dar continuidade ao proxecto de software aberto), fóronse despexando. Segundo se conta na Rede, logo de meses sen saber moi ben que facer con OpenOffice, Oracle decidiu agasallarlle o paquete ofimático á Fundación Apache, que recibirá o código base do programa para seguir adiante co desenvolvemento do proxecto, nos últimos tempos un pouco parado aínda que con continuidade (iso si) en iniciativas paralelas que recolleron a súa testemuña, como LibreOffice.
Con esta decisión de Oracle, unha parte do problema semella amañado, e o OpenOffice xa pode saír –teoricamente- do dique seco. Polo menos así o entende a propia empresa doante, que sinala con esta nova andaina ao abeiro de Apache, dáselle á popular ferramenta de procesamento de textos (e outras moitas funcións) “un claro pulo de madurez, apertura e unha infraestrutura ben establecida para continuar no futuro”. Pola súa parte, a Fundación Apache recibiu o paquete informático do mellor xeito posible, prometendo un compromiso a prol do seu desenvolvemento, sendo Jim Jagielski, presidente da entidade, a persoa designada para dirixir a comunidade OpenOffice.org durante o proceso de integración.
Segundo se nos informa dende a web de Genbeta, con esta operación confírmase algo que xa se supuña: que OpenOffice.org era unha pedra no zapato para Oracle e non sabían moi ben como quitala. A decisión de doala a Apache está a ser cualificada como decisión do máis razoable, e máis tendo en conta que a destinataria é unha fundación estable que de seguro que dará continuidade ao proxecto. A dúbida está en saber se LibreOffice e OpenOffice.org volverán ser unha única iniciativa.

PUBLICIDADE