Oppo quere vender oficialmente os seus móbiles en España

mércores, 3 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Expositor de Oppo na pasada edición do Mobile World Congress

Unha das novas que máis atención captou en 2017 foi a chegada a España de Xiaomi, fabricante que xa conseguira consolidar unha magnífica posición no mercado cando carecía de distribución oficial, pero as cousas non as vai ter doada, e os seus competidores en China tamén queren traer a guerra ao territorio español, estando previsto que no mes de xuño chegue a España o fabricante chinés Oppo, o que resulta bastante curioso dado que o pasado mes de maio pechou a súa tenda en liña europea.
Oppo é unha das marcas de BBK, grupo ao que pertencen outras marcas de móbiles como Vivo (unha das máis importantes dentro de China) e OnePlus (con boa sona internacional), e aínda que carecía de presenza física en España, incluso chegou a ser official partner do F.C. Barcelona, o que permitiu que hai cousa de ano e medio lanzasen unha versión do seu smartphone F1 Plus inspirada no equipo de fútbol (curiosamente coa vista posta en mercados como China, Singapur e Indonesia).
Ao parecer unha delegación de directivos de Oppo visitaron Madrid en decembro, entrevistándose con varios distribuidores, cadeas de electrónica de consumo e operadores de telecomunicacións, cos que aínda non pecharon ningún acordo, pero tendo como obxectivo o desembarco de Oppo en xuño, cando tamén poderían chegar a Francia e Italia.

PUBLICIDADE