Oppo presenta unha tecnoloxía que permitirá cargar completamente a batería dalgúns smartphones en 15 minutos

martes, 23 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Un dos fabricantes chineses de smartphones que máis coida os seus produtos é, sen dúbida, Oppo, que é tamén dos poucos que atrévese a vender directamente os seus produtos en Europa, ofrecendo terminais con excelentes acabados e potente hardware, que levan tempo integrando sistemas de carga rápida cos que pretenden paliar un dos problemas da autonomía dos terminais (xa que ao incrementar a capacidade das baterías o tempo de carga dispárase) e no marco do Mobile World Congress de Barcelona sorprenderon anunciando unha nova versión desta tecnoloxía, chamada SuperVOOC, e que presume de ser capaz de cargar a batería dalgúns dos seus smartphones en só 15 minutos.
Concretamente dende Oppo aseguran que son capaces de levar ao 100% de carga unha batería de 2.500 mAh en 15 minutos a través de cables micro-USB e USB tipo C, superando incluso a tecnoloxía Quick Charge 3.0 de Qualcomm, e sorprendendo por ser unha tecnoloxía que vai chegar ao mercado, xa que non falamos dunha proba de concepto ou do anuncio dunha tecnoloxía experimental.
Para deixar claro que esta tecnoloxía é real, probouse en directo na presentación en Barcelona, e aínda que posiblemente os tempos de carga anunciados só serían posibles en condicións ideais, o que parece seguro é que Oppo conseguiu avanzar nunha área moi importante, deixando claro que non hai que ser Apple ou Samsung para poder innovar.

PUBLICIDADE