Operación Marea Negra preséntase no prestixioso festival Series Mania Forum de Lille

xoves, 24 de marzo do 2022 S. P.

O festival Series Mania Forum de Lille (que se desenvolve esta semana na dita localidade francesa) está a ter presenza galega. Por exemplo a de Operación Marea Negra, serie producida pola galega Ficción Producións e Ukbar Filmes para a plataforma de streaming Amazon Prime Video. A serie foi dada a coñecer nunha rolda cos medios, no marco do certame francés, na que participou Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG e secretario xeral de CIRCOM, a rede de televisións públicas rexionais europeas.
No evento explicouse e debateuse sobre o modelo de financiamento desta produción da empresa galega Ficción e Ukbar Filmes para Amazon Prime Vídeo, xunto coa FORTA, liderada pola CRTVG, e a portuguesa RTP, coa axuda da Agadic e PIC Portugal.
Na proxección e debate posterior participaron tamén Rocío Casal, coordinadora de Comunicación de Ficción Producciones; Ricardo Cabornero, director de contidos de Prime Video de Amazon; José Fragoso, director de Programas da RTP; e Noel Hedges, vicepresidente executivo de Compras de eOne. O panel estivo moderado por Mamen Casal, de Ficción Producciones.
Na súa intervención Fernando Ojea indicou que “esta serie foi para TVG unha oportunidade de acceder a producións de perfil alto cun orzamento imposíbel de acadar doutra maneira, e con proxección global. Foi por tanto unha maneira de exportar cultura audiovisual galega”.
Series Mania Forum é un dos eventos de coprodución de ficción seriada máis importantes de Europa e se celebra esta semana na cidade francesa de Lille.
Segunda tempada
Operación Marea Negra, que acaba de anunciar a rodaxe da segunda temporada, é unha serie de acción e misterio participada pola Televisión de Galicia baseada na historia real do narcosubmarino interceptado en augas galegas en 2019. Dirixida por Daniel Carpalsoro e Oskar Santos, consta de catro capítulos, de 50 minutos de duración cada un, e está protagonizada por Álex González. Estrearase o próximo mes de setembro, en galego, na canle pública.

PUBLICIDADE