Opera amosará unha versión do seu navegador web para o iPhone

mércores, 10 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Dende Opera Software anunciaron por sorpresa que a vindeira semana van a estar presentes no Mobile World Congress de Barcelona onde presentarán unha versión do seu navegador Opera Mini para o iPhone de Apple, o que resulta especialmente rechamante polo feito de que Apple non acepta na App Store aplicacións que repliquen funcións xa presentes nos seus terminais.
Aínda que pareza ridículo o lanzamento de Opera Mini para iPhone, o certo é que moitos usuarios poderían verse beneficiados por tal aplicacións, posto que ese navegador web fai uso de tecnoloxía de compresión, o que permitiría unha carga máis rápida de páxinas web e un menor consumo de tráfico móbil, beneficiando aos usuarios que non teñan contratadas tarifas planas de datos ilimitadas, aínda que agora haberá que agardar para ver se Apple permite esta aplicación que Opera Software amosará á prensa durante o encontro tecnolóxico que terá lugar a semana que vén en Barcelona. A compañía tamén levará ao MWC as últimas versións das súas aplicacións: Opera Mobile 10 beta 3 para Symbian S60 e Windows Mobile, Opera Mobile 10 beta para Android, Opera Mini 5 beta para múltiples plataformas móbiles e un administrador de widgets multiplataforma que están a probar para Windows Mobile e S60.

PUBLICIDADE