OperGal pide á Xunta que confíe en empresas galegas para levar a Internet ao rural
xoves, 11 de agosto do 2011
As empresas
que forman parte de OperGal, a Asociación de Operadores Galegos de Redes Sen
Fíos de Banda Larga, convocaron esta mañá aos medios de comunicación en
Santiago de Compostela para dar a coñecer que a subvención duns 15 millóns de
euros que a Xunta outorgará dentro do Plan Director de Banda Larga para achegar
a Rede ao rural, non recaeu aínda en Telefónica como
publicou parte da prensa, senón que a compañía integrante en OperGal,
Intermax, continúa na carreira por facerse con esta axuda que pode supor un
importante pulo ás compañías galegas que ofrecen servizos de banda larga sen fíos.
Javier Mouriño, director xeral de Intermax, asegurou que están a solucionar
certos erros de forma na documentación que presentaran ante a Xunta para
facerse coa devandita subvención, polo que agora dende
OperGal piden que a Administración confíe en compañías galegas para este
proxecto, tanto polo beneficio que suporá para os cidadáns galegos a través
dos servizos de telecomunicacións que poderán ofertar como polo emprego que
xerará na terra.
- Roberto Valverde pediu obxectividade na resolución das axudas para levar a banda ancha ao rural galego
Roberto Valverde, presidente de OperGal e xerente de Minotec, pediu que, cando
menos, a valoración dos proxectos de Telefónica e Intermax sexa obxectiva,
pois confía en que os técnicos entendan que a solución proposta por Telefónica
(baseada na telefonía 3G) é sumamente inferior á que poden achegar dende as
empresas da Asociación, e precisamente para reforzar ese argumento publicaron
nas últimas semanas un informe que sostiña
que as comunicacións baseadas en tecnoloxías Wi-Fi eran ideais para levar a
Internet ao noso rural, de aí que na rolda de prensa desta mañá estivese
presente o enxeñeiro Fernando Fontán, da Escola Superior de Enxeñeiros de
Telecomunicacións da Universidade de Vigo, quen confirmou a validez da proposta
tecnolóxica que fan os operadores galegos.
- Isidro Barco destacou a importancia de xerar emprego en Galicia apostando por compañías locais para loitar contra a fenda dixital no rural
Á subvención tamén concorrera outra compañía
de OperGal, Tripla, da que o seu xerente, Isidro Barco, insistiu na necesidade
de que a subvención da Xunta recaia en compañías galegas, para deixar a riqueza
e a creación de emprego no país (falan duns 200 empregos directos e uns 2.000
indirectos).
Durante a presentación tamén deixaron claro que a proposta de Telefónica é moi
inferior tecnoloxicamente á de Intermax (pois esta última non se limita a dar
conexións á Rede mediante 3G, senón que está aberta a velocidades moito máis
elevadas que permiten ata ofrecer servizos de televisión sobre IP, para o que
tamén queren colaborar con outras compañías galegas como Blusens). Os presentes
tamén manifestaron a súa desconfianza con Telefónica, por ser a compañía na que
recaeron subvencións anteriores para levar a Rede ao noso rural, quedando así
en evidencia a súa competencia ao respecto (moitos dos actuais clientes das
compañías de OperGal son en moitos casos ex usuarios de comunicacións 3G ou
están en zonas ás que Telefónica tería que ter levado a cobertura da Rede no
pasado).
Actualmente as empresas que conforman OperGal facturan uns 5 millóns de euros
ao ano, xeran 50 empregos directos e dan servizo a uns 11.000 usuarios en 120
concellos galegos.
- O enxeñeiro Fernando Fontán defendeu a idoneidade da solución tecnolóxica que propoñen os integrantes de OperGal
- Javier Mouriño asegura que dende Intermax ofrecen unha solución tecnolóxica máis axeitada para o noso rural que a de Telefónica
- Os integrantes de OperGal e outras compañías galegas colaborarán con Intermax de resultar esta última beneficiaria da axuda da Xunta para levar a Internet ao noso rural