OpenStreetMap achegouse aos centros de ensino galego da man de Ghandalf

martes, 11 de outubro do 2016 Redacción

Os días pasados celebráronse dous relatorios sobre o proxecto OpenStreetMap, ámbolos dous impartidos o 4 de outubro pola Asociación Ghandalf. As ditas actividades foron impartidas en dous centros de ensino galego, na quenda da mañá no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, e pola tarde no IES Xulián Magariños de Negreira. Foron un total de 85 alumnas e alumnos en Coristanco e algo máis de 100 en Negreira, os que puideron coñecer as vantaxes da información xeográfica e o proxecto OpenStreetMap, vendo algúns exemplos do seu uso e unha demostración de como editar información neste mapa colaborativo.
A plataforma OpenStreetMap, tamén coñecida como “a Wikipedia dos mapas”, diríxese a xuntar os recursos precisos para dar forma a unha cartografía libre do noso mundo, e ademais de xeito colaborativo. OpenStreetMap salienta entre outras cousas por fornecer unha representación cartográfica da Terra, e tamén por constituír unha macrobase de datos de índole xeográfica, accesíbel para todas e todos e con ampla marxe de adaptación e mellora
Centrándonos nos relatorios, ambos os dous contaron cunha introdución á información xeográfica e coas vantaxes dos mapas para transmitir información, amais de subliñarse a importancia de que os datos, igual que o software, sexan libres.
Infórmase que ao longo das vindeiras semanas o alumnado seguirá a traballar no proxecto, engadindo e editando información xa que esta asociación preparou tamén un pequeno concurso en cada centro. Así a alumna ou alumno que máis contribucións faga a este proxecto terá un agasallo.
Cómpre engadir que neste mes de outubro se prevé realizar algún relatorio máis noutro centro de ensino galego.
Estes relatorios forman parte das actividades que a asociación Ghandalf realiza en colaboración coa AMTEGA para a difusión do software libre.

PUBLICIDADE