OpenSpain LAB e Telefónica lanzan unha web para axudar na integración dos refuxiados

martes, 31 de maio do 2016 Redacción

A operadora Telefónica presentou esta semana unha páxina destinada a ceibar de atrancos o vieiro da inserción dos refuxiados en España. A web foi posta en marcha por un equipo de mozos de varios países (un total de nove, integrantes dun laboratorio impulsado por Telefónica), e complementará a súa actividade cunha ferramenta móbil específica. Para o seu desenvolvemento, contouse coa colaboración de Red.es, o Ministerio de Emprego e Seguridade Social, ACCEM e Madrid International LAB. O proxecto, denominado OpenSpain, estará dispoñíbel en árabe, inglés e español. Abranguerá información sobre o acceso e aloxamentos de balde e en aluguer, datos sobre como regularizaren os refuxiados a súa situación ou sobre como acadar o cartón sanitario.
OpenSpain LAB é un proxecto de integración desde a integración, desenvolvido por mozos profesionais e estudantes de países como Siria, Iraq, Irán, o Sáhara, Venezuela e España. A iniciativa pretende “facilitar a integración de persoas que cheguen a España en situacións desfavorecidas, e está enmarcado dentro da iniciativa Join de Telefónica, desde a que os mozos con talento apoian a transformación dixital”.
O equipo, formado por oito mozos e unha moza de entre 23 e 29 anos, compleméntase como dixemos cunha aplicación para trebellos móbiles. Segundo fai saber Telefónica, trátase “da primeira ferramenta destas características dirixida tanto aos refuxiados como ás ONG que lles prestan servizos nunha primeira etapa de establecemento”. A app, que estará plenamente desenvolvida en agosto, ofrece acceso a información que guíe a estas persoas no seu proceso de chegada.
OpenSpain LAB forma parte da iniciativa Join de Telefónica, desde a que os mozos con talento apoian a transformación dixital, impulsando as novas capacidades dixitais, a través de proxectos comprometidos coa sociedade e coa economía dixital. Neste laboratorio os mozos integrantes están a desenvolver unha solución tecnolóxica que será unha axuda real para os estranxeiros que chegan a España na procura de amparo e acubillo.
Os participantes de OpenSpain LAB, estudantes e mozos profesionais de diversas áreas como informática, comunicación ou deseño, incorporábanse a este proxecto de seis meses de duración o pasado 1 de febreiro nas instalacións situadas no Madrid International LAB.

PUBLICIDADE