OpenSignal desvela que as redes móbiles están collendo a dianteira en velocidade ao Wi-Fi

martes, 27 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Baseándose en datos recollidos por OpenSignal a través da súa aplicación móbil instalada en millóns de smartphones pódese ter unha boa idea da experiencia de uso que achegan as redes móbiles ao longo do mundo, e o seu último informe resulta moi revelador, xa que pon de manifesto que en 33 países os usuarios conseguen velocidades medidas de descarga a través de redes móbiles que empregando Wi-Fi.
Este informe en concreto recolle máis de 63 mil millóns de medicións por parte duns 7,8 millóns de dispositivos entre o 5 de agosto e o 3 de novembro, polo que pode considerarse bastante completo, e debería chamar a certa reflexión sobre as suposicións que temos á hora de planificar as redes globalmente, xa que tendemos a pensar que a banda larga fixa é sempre superior á móbil, e iso só parece certo en mercados nos que a fibra óptica está moi espallada, mentres que no resto dos territorios as redes móbiles son quen de tomar a dianteira.
Dende OpenSignal salientan o casos de Hong Kong, Singapur e EE.UU., territorios de grande desenvolvemento, que experimentan descargas en Wi-Fi superiores de media en 38,6 Mbps, 34 Mbps e 25 Mbps fronte a conexións móbiles, de xeito o que até o momento era o habitual, agora é un caso moi puntual.
Tamén salientan que se a tecnoloxía móbil que comparan é a 4G, o número de países nos que o móbil gañaría á Wi-Fi serían 50, dando por feito que coa chegada do 5G podería acentuarse esta tendencia na que as redes móbiles collen a dianteira ás fixas.
Actualmente os smartphones configúranse normalmente para que se conecten á Internet a través de Wi-Fi sempre que estea dispoñible e só tiren de datos móbiles cando sexa imprescindible, política que debería repensarse en certos mercados, especialmente cando as tarifas móbiles cada vez inclúen máis volume de datos e poderían evolucionar até tarifas ilimitadas como temos no fogar.

Cada vez é máis frecuente gozar de mellores velocidades de descarga no móbil que a través de Wi-Fi

PUBLICIDADE