OnePlus presenta os seus novos móbiles insignia

martes, 23 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Dende OnePlus parecen querer desprenderse da súa imaxe de alternativa económica aos móbiles de alta gama, para facerse un espazo de seu nesta categoría de produtos, de aí que o seu novo OnePlus 12 vaia chegar ao mercado a un prezo próximo ao milleiro de euros, aínda que cómpre matizar que as súas especificacións están á altura de tal prezo, aínda que será complicado que os consumidores paguen o prezo completo por estes terminais (xa que a marca ten aos consumidores a grandes descontos en pouco tempo).
O OnePlus 12 chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3, 12/16 GB de RAM LPDDR5X, 256/512 GB de almacenamento UFS 4.0, refrixeración Dual Cryo-velocity VC, pantalla QuadHD+ de 6,82 polgadas cun brillo de 1.600 nits (cun pico de 4.500 nits, de xeito que sería visible sen problema a plena luz do sol) e unha velocidade de refresco de 120 Hz, un sistema de cámara Hasselblad de 4ª xeración para dispositivos móbiles (cun sensor principal de Sony LYT-808 con estabilización óptica e 50 Mpíxeles, un ultra grande angular de 48 Mpíxeles e un teleobxectivo 3x de 64 Mpíxeles) que tiran proveito da fotografía computacional e cunha batería de 5.400 mAh con carga rápida de 100 watts por cable (o que supón unha carga completa en só 26 minutos) e 50 watts sen fíos (que carga o móbil completamente en 55 minutos).
O móbil tamén conta con Bluetooth 5.4, Wi-Fi 7 e NFC, USB-C 3.2, dobre rañura para nano-SIM (compatible con eSIM onde estea soportado polo operador), resistencia IP65 e 4 anos de actualizacións de sistema garantidos.
O seu prezo oficial de venda é de 969 euros con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, mentres que o modelo con 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento custa oficialmente 1.099 euros, aínda que coa promoción de lanzamento véndese a 999 euros. Chegará aos usuarios a partir do 16 de febreiro.
Precisamente para quen queira ter un móbil bastante competente e non realizar un investimento tan elevado lanzan paralelamente o OnePlus 12R, que confórmase cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2 e un sensor de imaxe principal Sony IMX890 de 50 Mpíxeles (acompañado por un ultra grande angular de 8 Mpíxeles e un obxectivo macro de 2 Mpíxeles), conseguindo así reducir o seu prezo a 699 euros e estando só dispoñible con 16 GB de RAM e 256 GB de almacenamento. Neste caso está previsto que chegue aos usuarios a partir do 20 de febreiro.

PUBLICIDADE