OnePlus fusionará OxygenOS con ColorOS

venres, 2 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Durante os últimos anos a marca OnePlus foi un sinónimo de calidade, especialmente a nivel de software, xa que esta marca de smartphones contaba cunha versión de Android chamada OxygenOS que destacaba polo seu bo rendemento, o que para moitos xustificaba por si mesmo a compra de móbiles desta marca chinesa que pertencen ao grupo BBK e que finalmente será absorbida pola súa marca irmá, Oppo, o que creou preocupación entre os usuarios, de aí que lanzasen un comunicado sobre as vindeiras actualizacións de software dos seus últimos dispositivos.
Os responsables da marca aseguran que os usuarios non percibirán o cambio entre OnePlus como empresa independente e como submarca de Oppo, e avanzan que están a traballar na integración do código de OxygenOS con ColorOS (a versión de Android propia de Oppo) pero manterán actualizacións nos últimos dispositivos de OnePlus, conservando o ciclo de actualizacións prometido anteriormente. Deste xeito temos uqe os OnePlus 8 e posteriores móbiles insignia da marca recibirán 3 grandes actualizacións de Android e 4 anos de actualizacións de seguridade, mentres que os OnePlus Nord e Nord CE teñen comprometidas 2 grandes actualizacións de Android e 3 anos de actualizacións de seguridade, mentres que os OnePlus Nord N10 e N100 quedarán só cunha grande actualización de Android e 3 anos de actualizacións de seguridade.
Haberá que agardar para ver se a marca OnePlus acaba diluída dentro de Oppo ou mantén o seu pulo, pero cando menos os usuarios actuais poden estar tranquilos de que continuarán a recibir actualizacións para os seus dispositivos (aínda que cómpre lembrar que o importante é recibir actualizacións de seguridade, xa que o salto entre grandes versións de Android non é imprescindible para recibir unha boa experiencia de uso).

PUBLICIDADE