Once entidades galegas reciben cadansúa certificación ISO 20000 pola xestión dos seus servizos TI

xoves, 8 de abril do 2010 Raquel Noya

Se onte foi Caixa Galicia a entidade que nos alegrou a xornada ao obter a certificación ISO 20000 nos seus caixeiros, hoxe a alegría é dobre xa que ata once empresas do sector TIC galego obtiveron a súa propia certificación na xestión dos seus servizos de Tecnoloxías da Información, dentro do proxecto coordinado pola asociación INEO na convocatoria 2008-2009 do Plan Avanza do Ministerio de Industria.
Este grupo de entidades está composto por Alnitak, AFI, Bahía Software, Balidea, Bonaval Multimedia, Ednon, Level Telecom, Opensoft, Quobis Networks, e Ultreia, todas elas empresas asociadas a INEO, e pola empresa Elaboro, asociada a EGANET, e que participou neste proxecto froito dun acordo entre ambas asociación de orixe galega.
Esta norma internacional, a ISO/IEC20000-1:2005, que certifica que a provisión de servizos relacionados coas Tecnoloxías da Información se realiza dun xeito coordinado, ordenado, e orientado ao mantemento do servizo e á satisfacción do cliente que o recibe, conta aínda con poucas empresas baixo a súa certificación, principalmente pola súa novidade e xuventude, o que fai aos seus posuidores parte dun reducido grupo de empresas que garanten a fiabilidade e solidez dos seus servizos TI.
Por outra banda, e dentro do mesmo proxecto, as empresas Alnitak, Comasis Consultores, e Dimensiona certificáronse na norma ISO9001:2008, baixo as directrices da ISO90003, que certifica o sistema de xestión da calidade da súa posuidora, facendo especial fincapé nos procesos de desenvolvemento de software que se levan a cabo.
De igual xeito, as empresas Ultreia, Artemis Tecnoloxías da Información, AVA Solucións Tecnolóxicas, e Avanzas, obtiveron a certificación dos seus sistemas de xestión da seguridade da información (SGSI) baixo a norma ISO/IEC27001:2005. A estas empresas uniranse nun breve prazo de tempo outras cinco entidades que actualmente, co apoio de Lambda CT, atópanse finalizando a implantación dos seus respectivos SGSI.

PUBLICIDADE