Oleiros organiza un curso de manexo de móbiles para maiores de 60 anos

martes, 19 de outubro do 2021 S. P.

O Concello de Oleiros abriu o prazo de inscrición para un curso de manexo de móbiles de 30 horas dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas no termo municipal. A oferta deste obradoiro está enmarcada dentro do programa de Alfabetización dixital organizado desde a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade.
Nestes cursos aprenderase de “forma práctica, amena e guiada” a utilizar e aproveitar as posibilidades que ofrecen os smartphones, proporcionando benestar persoal, ocupando o tempo de lecer e a súa relación co entorno. A persoa participante desenvolverá habilidades básicas no manexo de móbiles, aplicando as novas tecnoloxías á súa vida, axeitándoas ás súas necesidades e desenvolvendo a capacidade de seguir aprendendo por si mesmo.
As inscricións serán a través da web municipal, na sede electrónica, no apartado cidadáns e empresas, en trámites en liña, ata as 20:00 horas do 22 de outubro. Para calquera aclaración, as persoas interesadas poden poñerse en contacto con Servizos Sociais e Igualdade.

PUBLICIDADE